A concelleira de Turismo, Comercio e Hostalería, Diana Cabanas, foi a encargada de entregar esta mañá os premios do concurso de escaparatismo organizado polo Concello con motivo dos festexos do Samaín. A edila destacou o traballo e a dedicación dos negocios participantes e gañadores para fomentar o comercio local durante todo o ano. Con esta iniciativa, o Goberno de Inés Rey busca premiar a creatividade dos comercios así como a súa contribución para impulsar a actividade comercial e potenciar o ambiente festivo durante os días previos á festividade de Samaín.
O primeiro posto foi para a tenda de moda e complementos Nina Sardina, no barrio de Monte Alto (Rúa Marconi, 4) que recibirá un total de 2.500 euros como gañadora do concurso. A ela súmase a tenda de flores O Recuncho Floral, en Vila de Negreira con Entrepeñas, que recibirá un total de 1.500 euros polo seu escaparate. A medalla de bronce recalou nos Mallos, na tenda de regalos e complementos Luces de Bohemia (Ángel Senra, 20) que recibiu un terceiro premio de 1.000 euros. A froitaría Candela (Avenida do Ferrocarril, 13) e a tenda de telas La Rueca Patchwork (Avda. Finisterre, 15) foron as agrazadas co cuarto e quinto posto respectivamente, recibindo 750 euros cada un dos comercios. En total outórganse 6.500 euros, dividos entre os cinco comercios premiados segundo posto recoñecido.