Saturday 23 de November de 2024

A Xunta e o concello da Coruña traballan para que a recollida selectiva de residuos municipais sexa real


Analizaron, entre outras cuestións, as reformas que o Concello ten previsto levar a cabo na actual planta de tratamento de refugallos de Nostián para adoptar as mellores técnicas dispoñibles na actualidade

A Xunta de Galicia e o Concello da Coruña seguen a traballar para que a recollida selectiva de residuos municipais sexa unha realidade o antes posible.

Durante unha reunión mantida esta mañá entre a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, e a concelleira de Medio Ambiente da cidade, Noemí Ruiz, na que estiveron acompañadas de técnicos de ambos departamentos, abordaron aspectos como o establecemento dun calendario para a implementación do contedor destinado á recollida de envases de plástico, latas e bricks, así como o desenvolvemento de campañas de sensibilización entre a cidadanía para promover o seu uso.

A maiores, tamén analizaron as reformas que o Concello ten previsto levar a cabo na actual planta de tratamento de refugallos localizada en Nostián para adoptar as mellores técnicas dispoñibles na actualidade. Máis polo miúdo, abordaron cuestións como, por exemplo, a renovación de maquinaria, a ampliación do biodixestor ou a axilización dos trámites para efectuar as modificacións.

No encontro, ambas administracións acordaron manter unha nova reunión en próximas datas para abordar as opcións de complementariedade coa estrutura autonómica de xestión de residuos que realiza Sogama.

Cómpre lembrar que a Xunta é consciente do importante reto que teñen as entidades locais galegas respecto do cumprimento da normativa europea no ámbito da xestión dos residuos municipais e por iso leva anos desenvolvendo iniciativas de colaboración nesta materia. Así, a planificación en materia de prevención e xestión de residuos municipais en Galicia establece as bases para avanzar cara a un escenario sustentable e acorde coa xerarquía de refugallos marcada pola normativa sectorial, facendo especial fincapé na prevención, reutilización e valorización dos residuos, establecendo metas e obxectivos de acordo coa lexislación vixente.