A obra das beirarrúas e o aglomerado da DP-4901 que enlaza San Ramón coa estrada das Somozas parece que, por fin, vai finalizarse. E é que despois de que a adxudicataria abandonase o traballo, e tras un proceso de case un ano para resolverlle o contrato -apoiado nun informe do Consello Consultivo de Galicia-, a Comisión de Infraestruturas da Deputación da Coruña aprobará na súa sesión de hoxe encargarlle a TRAGSA a execución “con carácter de urxencia” do proxecto que permitirá concluír as obras de mellora da seguridade nesta vía provincial. Ademais, o reinicio dos traballos -que deberá ser refrendado no Pleno da Deputación do día 24- tamén lle permitirá ao Concello levar a cabo a ampliación da iluminación pública en todo ese eixo, cun investimento de 37.138,96 euros -IVE incluído- financiados con cargo ao POS+2023 e cunha achega municipal de 6.000 euros.
Como se recordará, as obras do aglomerado e da a construción das beirarrúas na estrada da Casabranca adxudicáronse en agosto de 2021 cun prazo de execución máximo de seis meses. A contratista iniciou o traballo pouco despois, chegando a executar boa parte das beirarrúas. Porén, entrado 2022 solicitoulle á Deputación o pagamento da parte xa feita e unha ampliación de prazos que rematou no mes de outubro sen que desde aquela houbese máis avances nos traballos.
Á vista da situación, o ente provincial iniciou o procedemento de resolución do contrato por incumprimento dos prazos, ademais de incautarse da fianza depositada pola construtora. Ambas medidas viñeron avaladas por un ditame do Consello Consultivo de Galicia emitido en maio deste 2023, de modo que a Deputación tivo vía libre para preparar o proxecto de continuación dos traballos.
De feito, a Comisión de Infraestruturas Viarias e Obras provinciais aprobará hoxe á tarde a súa execución “con carácter de urxencia” a través deTRAGSA, a empresa pública á que poden acudir as Administracións en certas circunstancias para acometer proxectos cuxa licitación quedase deserta ou, coma neste caso, onde se resolvese un contrato administrativo por incumprimento do adxudicatario.
A alcaldesa, Beatriz Bascoy, mostrou a súa satisfacción tras recibir comunicación por parte da Deputación provincial ao respecto da reanudación das obras. “É un proxecto moi necesario que desde que a empresa renunciou xa leva moitísimo retraso oebido principalmente aos pasos legais que a Deputación debe ir dándo para resolver un contrato”, explica Bascoy.
“Mantivemos moitas conversas coa Deputación para conseguir esta obra e mesmo coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, quen nos obrigou a varias adaptacións do proxecto pola zona de afección do castro, e causounos desacougo ver como quedaba freada en seco. Nos últimos meses mantivemos un contacto moi estreito coa Deputación para coñecer puntualmente o avance do expediente e procurar que a tramitación se axilizase o máximo posible dentro dos prazos que marca a lei, co obxectivo de que as obras se reanuden o antes posible”, engade a alcaldesa.
Cómpre ter en conta que o remate das obras na DP-4901 tamén lle permitirá ao Concello levar a cabo a ampliación da rede de iluminación pública con tecnoloxía led en todo o seu trazado “para incrementar a visibilidade e a seguridade peonil con consumos eléctricos moi contidos”.
O contrato foille adxudicado a Instalaciones Eléctricas Coruñesas S.L. por importe de 37.138,96 euros, impostos incluídos, que se financiarán cos fondos do POS+ 2023 e con 6.000 euros achegados polo consistorio.