Thursday 21 de November de 2024

O concello volve convocar o procedemento de selección dun docente da especialidade formativa de traballos de carpintería e moble para o obradoiro de emprego


O anuncio publicarase mañá no BOP e abrirase un prazo de tres días hábiles para presentar instancias.

O Concello vén de aprobar a segunda convocatoria para a selección dun docente da especialidade formativa de traballos de carpintería e moble do Obradoiro de Emprego A Laracha VIII. Faise despois de que a primeira convocatoria quedase deserta.

O anuncio publicarase mañá no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña, abríndose a partir do xoves un prazo de tres días hábiles para a presentación de instancias. As bases estarán dispoñibles para a súa consulta na sede electrónica e na web www.alaracha.gal.

O Concello prevé iniciar a actividade do Obradoiro de Emprego A Laracha VIII a finais de novembro. Terá unha duración de doce meses e constará de dúas especialidades con dez alumnos traballadores en cada unha delas: a citada de traballos en carpintería e moble e a de operacións básicas de revestimento lixeiro e técnicas de construción complementado con mantemento e rehabilitación de edificios.

Este programa dual de formación e emprego, impulsado polo Concello co cofinanciamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, presenta un orzamento de 750.000 euros.