Friday 22 de November de 2024

Finaliza o ciclo de Encontros Emprendedores cunha sesión arredor da mobilidade urbana sostible e accesible


O derradeiro Encontro Emprendedor abordará o tema da mobilidade na cidade

O ciclo de Encontros Emprendedores, que arrancou o pasado mes de marzo, pon o punto final a vindeira semana cunha última cita arredor da mobilidade accesible e o transporte sostible. O obxectivo destes encontros é dar a coñecer os eixos da Axenda Urbana 2030 a través das experiencias compartidas por emprendedores/as en activo da cidade.

Esta última cita sobre “A mobilidade urbana sostible e accesible: necesidades e oportunidades” contará coa participación de Pablo Alonso, membro do equipo de redacción do PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible) que compartirá coas persoas asistentes os eixos estratéxicos deste plan que marcará as directrices para as futuras actuacións municipais no ámbito da mobilidade na cidade.

Ademais, durante os Encontros Emprendedores sempre se presenta unha iniciativa empresarial relacionada coa temática abordada. Nesta ocasión, tamén participará Silvia Alende, xerente de Accede Social, un Centro Especial de Emprego que desenvolve servizos de transporte adaptado.

Este último Encontro Emprendedor terá lugar o martes 21 de novembro, entre as 10.00 e as 12.00 horas , no Espazo Galego da Creatividade (Creativas galegas). As inscricións están abertas e son de balde, a través deste enlace.