O rexedor emplaza á oposición a iniciar en xaneiro un novo ciclo de xuntanzas para “aportar medidas concretas” que permitan sacar adiante o documento inicial, “sobre o que se poderá seguir traballando e mellorándoo”. A falta de acordo suporá a perda de máis de 263.000 € públicos
O pleno extraordinario do Concello de Ordes rematou sen que prosperase a aprobación inicial do PXOM. Un resultado que levou ao alcalde José Luis Martínez Sanjurjo a emplazar a todas as forzas políticas o vindeiro 11 de xaneiro “para que presenten propostas concretas que nos fagan avanzar e acadar un consenso”. Tras a negativa do BNG e PSOE, e a abstención de UXO, o rexedor recordoulles o “enorme prexuízo económico que suporá a falta de acordo”. Cabe destacar que según cifras oficiais o custo total da elaboración deste plan, cuxa redacción arrancou no ano 2009, ascende a 263.000 €. Para isto a Xunta de Galicia concedeu no seu día unha subvención de 200.000 €. En total o Concello leva pagados dos seus orzamentos algo máis de 151.000 €, correspondendo 40.000 € destes aos traballos de cartografía.
Non foi o único reparo plantexado. De non aprobar o proxecto existente e ter que realizar outro “haberá que cinguirse á nova Lei do Solo promulgada pola Xunta de Galicia, o que significará ter que iniciar o proceso dende o principio, ademais de acadar unha nova subvención para a súa realización”. Martínez Sanjurjo insistiu que “a de hoxe é unha aprobación inicial en base á que se poderán seguir engadindo puntos e realizando modificacións que non sexan sustanciais. Así poderemos seguir traballando e mellorar o plan entre todas e todos. Temos a oportunidade e a responsabilidade de solucionar moitos problemas e situacións incómodas que preocupan a moitos veciños e veciñas. Tamén evitaremos que o urbanismo de Ordes sufra outros 20 anos de retraso” sentenciou o alcalde.
POS e PAS
Cos votos a favor do Goberno do PP e a abstención das demais forzas saíron adiante os proxectos incluídos tanto no Plan de Obras e Servizos (POS) como no Plan de Acción Social (PAS), nos que a Deputación da Coruña destinou unha cifra total de máis de 950.000 €. Unha cuantía que o Concello vén de repartir entre todas as parroquias do municipio
No caso do POS a partida supera os 403.000 €, destinados a obras nos camiños de Piñeiro, Cestaños, Edra, Portela, Codeseda, Vilasenín, Loureda, Fosado, Fraga da Galiña, Regueira, Barcula – Visantoña, Margarida etc; accesos ao Seixo, Codeseda, Souto – Ramal, aldea de Abaixo (Beán), Tiopeira, Grela, Verdial, Piñeiro etc; canalización de pluviais en Regueiro de Abaixo, na estación (Mercurín), Codeseda e Bailía. Tamén están reflexadas melloras e intervencións en camiños, ramais e outro tipo de intervecións en viais de titularidade municipal e pistas de concentración parcelaria. Neste punto pódense engadir as previstas no camiño da Baixa ao cruce da pista do Mesón do Vento con Buscás. Por outra banda o Goberno local asegurou que ten previsto executar outras obras con fondos propios, como é a instalación de barandillas no campo do Mesón do Vento ou o arranxo da pista do polideportivo situado nesta localidade. Tamén concretou que a aplicación de aglomerado na estrada de Barbeiros incluirase no PEIM 2016.
Neste punto o goberno precisoulle á voceira socialista que se incluíron máis do 10% dos proxectos que demandaron. Por parte dos nacionalistas calificaron de insuficientes as obras de abastecemento e saneamento plantexadas, que segundo o Goberno local terán un investimento superior ós 140.000 €. Ademais comprometeuse coa posta en marcha das obras de saneamento A Maquía – Buscás e as da parroquia de Parada a partir do vindeiro ano, as cales agardan poder levar a cabo co remanente alcanzado e con fondos concedidos pola Xunta.
En total serán máis de 550.000 € os cartos que se invistan en Ordes en base ao PAS. Incluiranse obras como: o acceso; beirarrúas na rúa da Coruña, melloras nos accesos ao instituto Maruxa Mallo e á piscina climatizada, no entorno do cemiterio do Balado, do campo de fútbol de Poulo, igrexa e local social de Pereira, camiño da área recreativa de Vilagudín, estación de Fosado, así como nos camiños de Lavandeira ou Espenica entre outros; acondicionamento do entorno de puntos como os locais sociais de Poulo ou Barbeiros e da escola de Mercurín. Tamén se rematarán as obras de abastecemento de auga na área Queis – Porta – Castrelo – Albariña e Piñeiro e se procederá coas de saneamento en Lavandeira de Abaixo en conexión coa depuradora da zona de Poulo. O proxecto complementario tamén inclúe a instalación de marquesiñas nas rutas do CEIP do Mesón do Vento.
Outro punto acadado hoxe é o novo regulamento do Punto Limpo. Unha normativa á que non se presentou ningunha alegación no período habilitado para tal fin, e que segundo palabras do alcalde “responde a un documento tipo como os de moitos outros concellos, o cal foi realizado polo interventor municipal baixo parámetros puramente técnicos”. Unha medida que achega no tempo a futura convocatoria mediante concurso público da xestión deste servizo.
Novo edil nacionalista
Hoxe tamén tomou posesión do seu cargo Gonzalo Veiras, novo concelleiro do BNG. Tras a súa intervencón gardouse un minuto de silencio en memoria dos policías nacionais Isidro Gabino San Martín Hernández e Jorge García Tudela, asasinados no atentado acontecido en Kabul o pasado venres. Un xeito no que a corporación amosou o seu apoio aos familiares das vítimas, así como o seu total rexeitamento a este tipo de actuacións terroristas.