O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, foi un dos relatores do encontro organizado por Viratec, o Club de Excelencia en Sostenibilidad e a Xunta de Galicia
Hoxe celebráronse na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela as xornadas sobre Solucións ambientais para entidades locais organizadas por Viratec (Clúster galego de solucións ambientais e economía circular), o Club de Excelencia en Sostenibilidad e a Xunta de Galicia co obxectivo de dar a coñecer as iniciativas públicas que se están a desenvolver e as solucións máis avanzadas en xestión de augas, residuos, comunicacións, mobilidade, enerxía, edificacións e intelixencia artificial.
Un dos protagonistas das xornadas foi o de Carballo. O noso concello foi seleccionado, xunto cos de Ribadeo, Santiago de Compostela e As Pontes, como exemplo de “boas prácticas”. O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, realizou unha exposición das medidas implantadas nas diferentes áreas de xestión, que nos sitúan como referente dentro e fóra de Galicia.
O encontro, no que participaron empresas do clúster e persoal de medio ambiente dos concellos galegos, tamén permitiu coñecer de primeira man as novas tecnoloxías ambientais para que as entidades locais poidan adaptarse ás esixencias en materia de sustentabilidade.