Destaca que a Comunidade galega é pioneira en estender os programas de cribado contra o cancro e estará entre as máis avanzadas no deseño e na implantación de tratamentos de última xeración
Salienta a posta en marcha do Proxecto Xenoma que permitirá analizar o ADN de 400.000 galegos para contar con diagnoses precoces ou a localización en Santiago do centro de Protonterapia , que agarda que sexa o primeiro de toda España en entrar en funcionamento
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, situou hoxe a Galicia na vangarda na investigación e nos tratamentos oncolóxicos, onde a erixiu como referente. Así o salientou durante a súa intervención na inauguración do Congreso 40º aniversario da Asociación Española de Investigación sobre Cancro (Aseica) que se celebra na Coruña.
Rueda defendeu como “un investimento e nunca un gasto” a aposta das administracións pola innovación e a investigación, ás que atribuíu o progreso e desenvolvemento de calquera sociedade. Nesta liña, fixo fincapé na importancia dos avances que supoñen, en concreto no eido da saúde, xa que valorou que permiten dar “esperanza” e “salvar a vida das persoas”.
Por estes motivos, salientou o compromiso do Goberno galego na investigación e nos tratamentos oncolóxicos que teñen convertido a Galicia en “pioneira” nos programas de cribado contra o cancro, en referencia á ampliación destas probas a todas as mulleres de ata 74 anos, no caso do tumor de mama, ou con respecto aos traballos realizados para implantar os cribados de cancro de pulmón e próstata.
Do mesmo xeito, destacou que a Comunidade galega se vai situar á vangarda no deseño e na implantación de tratamentos de última xeración co centro CAR-T -que iniciará o seu funcionamento en 2024- ou o futuro centro de Protonterapia en Santiago de Compostela, do que apuntou que agarda que sexa o primeiro de toda España en entrar en funcionamento.
Ademais, tamén subliñou a aposta pola investigación e a prevención da Xunta a través do Proxecto Xenoma que vai permitir analizar o ADN de 400.000 galegos para ver se teñen algunha variedade xenética de risco e tomar as medidas preventivas axeitas.
“Queremos seguir sendo referentes da ciencia máis importante; que é a que afecta e salva as persoas nun dos momentos máis duros da súa vida”, aseverou o presidente referíndose á diagnose e tratamento de enfermidades oncolóxicas.
Galicia, epicentro da investigación de elite sobre o cancro
Durante a súa intervención, Rueda salientou que grazas a este congreso, Galicia converterase estes días no epicentro da investigación “de elite” sobre o cancro a nivel mundial. O presidente destacou o gran labor realizado nas últimas décadas por Aseica que a leva a ser xa a maior asociación de investigadores de toda Europa e salientou a súa contribución a acadar unha ciencia máis igualitaria e a promover o talento dos novos científicos.