Os nenos e nenas do programa Preescolar na Casa de Frades, que leva a cabo a asociación Antonio Gandoy, recibiron esta mañá a visita de Papá Noel e da súa axudante no multiúsos de Frades. Os meniños disfrutaron dunha pequena festa de Nadal con globos, música e lambonadas, na que estiveron acompañados polos seus pais e nais, así como polo alcalde de Frades, Roberto Rey, que aproveitou para entregarlles o programa especial de actividades preparado para estas datas.
Con esta actividade, o Concello de Frades abre o seu programa de Nadal 2015, que terá continuidade este xoves 17 de decembro coa visita do Paxe e do Carteiro Real ao CPI Ponte Carreira para recoller as cartas do alumnado de Infantil e Primaria. O mércores 23 de decembro terá lugar a tradicional Gran Festa de Nadal, de 11:00 a 13:30 horas no edificio multiúsos de Frades. Será unha festa actuacións, mascota, xogos e moitas sorpresas máis á que están convidados todos os nenos e nenas de Frades. A participación é gratuíta, pero por razóns de loxística é preciso anotarse no Concello antes do 18 de decembro.
O programa de Nadal do Concello de Frades completarase cunha excursión a Xuvenlugo, que terá lugar o luns 28 de decembro e para a que é preciso inscribirse no Concello ou no 981 695 567 antes do mércores 23 de decembro. O prezo mantense nos 5 euros para empadroados (8 euros non empadroados) e inclúe a entrada xenérica ao recinto.
O ano pecharase cunha Xornada Familiar o mércores 30 de decembro no multiúsos de Frades con dous espectáculos gratuítos: “Animaxicus”, espectáculo de maxia para todos os públicos ás 16:30 horas, e “Isistorias de Nadal”, un monólogo cómico interpretado polo humorista Isi (ás 17:30 horas). A ANPA do CPI Ponte Carreira colaborará cunha chocolatada. Anotacións no Concello ata o 28 de decembro.
Cabalgata de Reis
O 2016 chegará a Frades cunha das novidades do programa: a visita á boleira de Santa Cristina e á pista de xeo de Marineda City (A Coruña), que terá lugar o sábado 2 de xaneiro durante todo o día. O prezo é de 10 euros (empadroados) e 15 euros (non empadroados), xantar e entradas incluídas. Anotacións antes do 29 de decembro no Concello de Frades.
E o luns 4 de xaneiro terá lugar a terceira Cabalgata de Reis do Concello de Frades, cun desfile polo centro urbano de Ponte Carreira (17:00 horas) e unha gran festa no pavillón municipal ata as 20:00 horas con animación, globoflexia, lambetadas, visita dos Reis Magos, xogos populares, mascotas e chocolate con roscón de Reis. Unha actividade que volverá contar coa colaboración do grupo Sarillo de Aiazo e da ANPA do CPI de Ponte Carreira.