Friday 22 de November de 2024

A Xunta entrega en Betanzos catro vivendas protexidas, rehabilitadas a través do programa Rexurbe, que disporá en 2024 dun orzamento de 5 M€


— Ángeles Vázquez salienta a aposta do IGVS por este programa, que puxo en marcha de forma piloto en Betanzos no ano 2017 e grazas ao cal xa adquiriu un total de 94 inmobles en centros históricos co fin de recuperalos e obter ao redor de 160 VPP

— Os inquilinos, escollidos entre os inscritos no Rexistro de demandantes de vivenda, pagarán unha renda de entre 120 e 250 € ao mes por pisos de 2 e 3 dormitorios

A Xunta de Galicia entregou hoxe catro vivendas protexidas no centro histórico de Betanzos rehabilitadas ao abeiro do chamado programa Rexurbe, unha iniciativa do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para comprar inmobles deteriorados ou en estado de abandono co obxectivo de recuperalos e destinalos despois a alugueiro social, que o vindeiro ano disporá dun orzamento de 5 millóns de euros.

Segundo explicou durante o acto de entrega de chaves a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, felicitou aos adxudicatarios polos seus novos fogares, localizados nas rúas Cerca, Nova e Torre, nunha “zona privilexiada” do concello e aos que acceden cunhas condicións vantaxosas tras resultar elixidos entre os veciños inscritos no Rexistro de demandantes de vivenda.

Os novos inquilinos pagarán unha renda mensual de entre 120 euros e 250 euros, dependendo das características de cada inmoble. Así, tres das vivendas teñen dous dormitorios, e a máis grande conta con tres. A vicepresidenta segunda subliñou que son vivendas nas que prima a calidade, a utilidade e o respecto pola recuperación do patrimonio construído.

Logo de explicar que estas son as segundas vivendas que se entregan na localidade ao abeiro desta iniciativa, Ángeles Vázquez salientou que o obxectivo é acadar o obxectivo de 17 inmobles rehabilitados, dos que se obterán 22 vivendas protexidas e 3 locais comerciais. Nestes momentos, en 10 inmobles xa concluíron as obras, 5 están a ser rehabilitados e outros 2 están pendentes de licitación.

“Preservamos a historia dos edificios cunha intervención respectuosa, pero introducindo sempre as comodidades da vida moderna para o benestar das persoas que van habitar estas vivendas”, explicou a vicepresidenta segunda.
Neste senso cómpre lembrar que Betanzos foi o concello escollido pola Xunta en 2017 para poñer en marcha o Rexurbe, e ante os bos resultados desta experiencia piloto, decidiu estendelo aos centros históricos dos municipios de Ferrol, Mondoñedo, Lugo, Ourense, Ribadavia, Tui, Vilalba, Viveiro, A Coruña e Ribadeo.

Ao abeiro desta iniciativa, segundo explicou Ángeles Vázquez, o IGVS mercou xa un total de 94 inmobles —entre edificios e solares— nunha decena de municipios galegos e cun investimento estimado en 42,7 millóns de euros, tanto para as operacións de compra, como para a súa rehabilitación posterior. A previsión é conseguir 160 novas vivendas de promoción pública que o IGVS destinará en todos os casos a alugueiros sociais.

A maiores, a vicepresidenta segunda lembrou que en 2024 a Xunta destinará un total de 177,8 millóns de euros paras as políticas de vivenda impulsadas desde o IGVS, un 26,4% máis que en 2023. E o 45% deste investimento está exclusivamente destinado a facilitar o acceso á vivenda.