A veciñanza de Santa María trata a estas horas de recuperar a calma, mentres fai balance dos numerosísimos danos materiais provocados pola avalancha de auga rexistrada de madrugada. A crecida do río Basteiro, por mor das intensas chuvias caídas nas últimas horas, derivou en desbordamentos, chegando a provocar a caída dun muro que contiña as augas. E isto ocasionaba unha inmensa riada que levaba por diante canto encontraba.
Efectivos de Protección Civil e operarios de mantemento municipais están a colaborar cos residentes da zona afectada, achicando auga das vivendas. O Concello de Neda ten previsto instalar contedores para facilitar a retirada de mobiliario estragado, e baralla a colocación de big bag de area e grava no lugar que ocupaba o muro caído, buscando que coa crecida de nivel do río, a auga non volva chegar ás casas.
A estas horas mantense a situación de alerta. Tamén na zona de As Augas producíronse danos, se ben non revestiron tanta gravidade. E nestes momentos, está cortado o acceso dende O Roxal á pista do Carballal.