Thursday 21 de November de 2024

A Coruña Big Waves regresa ao Portiño con 16 dos mellores surfeiros e surfeiras de ondas xigantes do mundo


Gonzalo Castro: “A nosa cidade recupera unha competición moi especial e que nos sitúa no mapa mundial do surf”

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou esta mañá unha nova edición de A Coruña Big Waves, a competición de ondas xigantes que “pon no mapa mundial do surf á cidade”, como asegurou o edil durante o acto celebrado no Portiño. Nese espazo celebrarase nas vindeiras semanas, cando as condicións climatolóxicas sexan as axeitadas, a segunda edición deste campionato.

Castro estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e a concelleira de Turismo, Diana Cabanas.
A Coruña Big Waves 2023 contará con 16 dos mellores surfeiros e surfeiras de ondas xigantesdo mundo, cuxos nomes serán desvelados proximamente. Este evento, que foi premiado no ano 2022 como mellor evento deportivo da comarca da Coruña, contará nesta edición cuns trofeos e distincións moi especiais, deseñados polo artista coruñés Diego Cabezas.

Outra das novidades desta segunda edición será a modalidade que empregarán os deportistas para surfear as ondas xigantes. Neste caso, levarase a cabo a tipoloxía ‘tow in’, que consiste na asistencia aos surfeiros coa propulsión dunha moto de auga, que lles permitirá entrar en ondas máis grandes e baixalas nunha zona máis crítica. “Atopámonos ante unha competición moi diferente á da primeira edición e cun nivel de esixencia máxima para os mellores surfeiros e surfeiras do mundo”, asegurou Gonzalo Castro..

Durante o acto de presentación levouse a cabo un adestramento técnico empregando esta técnica no Portiño. A data de celebración da segunda edición de A Coruña Big Waves dependerá das condicións meteorolóxicas das vindeiras semanas. Segundo os expertos, esta época do ano é a máis axeitada para a celebración de campionatos de ondas xigantes, porque se reúnen as condicións para que se produzan ondas de gran tamaño, grazas as diversas borrascas que chegan ás costas galegas. “Galicia é unha comunidade cunha longa tradición surfeira e creo que, o día que da competición, O Portiño encherase de público para gozar dun espectáculo único”, dixo Gonzalo Castro.