· A recepción de Papá Noel e a cabalgata dos Reis Magos completan programación de actividades para este Nadal.
· O acendido da iluminación terá lugar o mércores 6 de decembro ás 18 horas na Praza da Insuela.
As actividades de Nadal do Concello de Camariñas chegan cargadas de teatro, música, e, sobre todo, moita ilusión. Ademais, como non podía ser doutra maneira, Papá Noel e os Reis Magos visitarán o municipio para coñecer as peticións dos máis pequenos.
O acendido da iluminación de Nadal marcará o inicio da programación de actividades e terá lugar o mércores, 6 de decembro, ás 18 horas na Praza da Insuela. Será un acto amenizado por DJ Mouzo, o Coro Vento Mareiro e o Coro Municipal Brisas do Mar de Camariñas. Haberá un fotomatón, unha plataforma 360º, fogos artificiais, flocos de millo, algodón de azucre, chocolate con churros e inchables.
O venres, 22 de decembro, ás 17 horas na Casa de Pedra, terá lugar a obra teatral ‘A nena que vivía nunha caixa de mistos’, de Caramuxo Teatro. Unha peza inspirada no conto ‘A vendedora de mistos’ de Hans Christian Andersen para un público familiar.
O sábado, 23 de decembro, ás 17 horas, a Casa de Pedra acollerá o espectáculo de pompas de xabón da compañía Malasombra. A duración é de 60 minutos e está dirixida a un público familiar.
O domingo 24 de decembro a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, recibirá a Papá Noel na casa consistorial para que logo comece o seu percorrido por todas as parroquias do municipio.
O venres, 29 de decembro, ás 17 horas, na Casa de Pedra, Píscore interpretará o seu espectáculo ‘Molto Barroco’, unha obra con música, teatro e gags cómicos. A duración é de 55 minutos e está dirixida a un público familiar.
As actividades de Nadal rematarán coa cabalgata dos Reis Magos o venres 5 de xaneiro. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ao porto de Camariñas Camariñas por mar na lancha de salvamento marítimo ateigados de caramelos e percorrerán todas as casas do concello. Nas paradas haberá roscón e chocolate para todas as persoas.