O Goberno municipal destaca que os valores do deporte van da man da inclusión
O Palacio dos Deportes de Riazor acolleu este domingo a edición número 27 dos Xogos Autonómicos de Baloncesto para persoas con discapacidade intelectual, os Special Olympics Galicia. A concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e a concelleira de Turismo, Diana Cabanas, asistiron á xornada e destacaron o enorme poder que ten o deporte para promover valores como a integración ou a inclusión.
Un total de 233 deportistas con discapacidade intelectual participaron este domingo nesta competición. En total, o encontro contou coa participación de 16 asociacións de toda Galicia, que comezaron a xornada desfilando no Palacio dos Deporte seguindo o cerimonial das Olimpíadas. Posteriormente, un deportista de Aspronaga leu o lema dos atletas: “Quero gañar, mais se non o consigo, deixádeme ser valente no intento”.