Friday 22 de November de 2024

Fabiola García sinala que o programa “Outono Xove” permite fomentar o ocio educativo entre a mocidade durante os meses de novembro e decembro


— Está dirixido a mozos e mozas de entre 14 e 30 anos que poderán inscribirse a través do formulario da páxina web de Xuventude

— Ofértanse 900 prazas en distintas actividades que se desenvolven durante as fins de semana de novembro e decembro

— Ademais dun amplo programa, os mozos contan con pensión completa en oito instalacións públicas: os albergues xuvenís de Marina Española (Sada), o de Area (Viveiro), o de A Devesa (Ribadeo), Benigno Quiroga (Portomarín), As Sinas (Vilanova de Arousa), Pontemaril (Forcarei), Lug II (Lugo) e a residencia de tempo libre do Carballiño

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá os 20 mozos e mozas que participan do programa Outono Xove, da Xunta de Galicia, no albergue xuvenil de Marina Española nesta fin de semana. Durante a visita sinalou que esta iniciativa permite fomentar o ocio educativo entre a mocidade durante os meses de novembro e decembro, ofrecendo un amplo abano de actividades en distintas instalacións xuvenís públicas.

Mediante o programa Outono Xove, a Xunta pon a disposición de mozos e mozas de entre 14 e 30 anos un total de 900 prazas en actividades de fin de semana destes meses de outono. Deste xeito, búscase desestacionalizar a oferta de tempo libre dirixida á xuventude para que conte con alternativas de tempo libre fóra dos meses de verán. Esta mesma filosofía aplícase no programa Primavera Xove que se desenvolve durante esta estación do ano.

Os mozos interesados aínda se poderán inscribir de xeito telemático nas actividades a través do formulario en liña da páxina web de Xuventude. Este programa inclúe aloxamento nun albergue ou residencia de tempo libre de venres a domingo, manutención completa e un amplo programa de actividades, entre as que se atopan obradoiros de fotografía e cinema, roteiros, espeleoturismo, actividades de realidade virtual e moitas outras propostas.

Oito instalacións por toda a xeografía
As instalacións que se poñen a disposición son: os albergues xuvenís de Marina Española (Sada), o de Area (Viveiro), o de A Devesa (Ribadeo), Benigno Quiroga (Portomarín), As Sinas (Vilanova de Arousa), Pontemaril (Forcarei), Lug II (Lugo) e a residencia de tempo libre do Carballiño. A cota de participación será de 25 euros e inclúense descontos por ser membro de familia numerosa ou monoparental e por ser titular do Carné xove.

Obras no complexo xuvenil As Mariñas
Fabiola García aproveitou a visita para comprobar os avances nas obras de mellora que se están a realizar neste complexo xuvenil das Mariñas, conformado polo albergue de Marina Española e o veciño de Gandarío. A Xunta está a reformar a piscina e a contorna exterior das instalacións situadas en Sada, para o que se destinan 370.000 euros.