Friday 22 de November de 2024

O Concello destina 400.000 euros ás entidades deportivas coruñesas para desenvolveren as súas actividades


As axudas, que aumentan a súa contía por cuarto ano consecutivo, son de ata 10.000 euros para cada solicitude aceptada

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes, adxudicou un investimento de 400.000 euros en axudas destinadas ás entidades deportivas da cidade, o importe máis elevado orzamentado polo Goberno municipal nos últimos anos, e que triplica os 120.000 euros que no ano 2019 se destinaron a este mesmo concepto.

A convocatoria permitiulles ás distintas asociacións e clubs optar ás ditas axudas, que, segundo o tipo, oscilan entre os 4.000 e os 10.000 euros. A resolución definitiva publicouse no BOP e determinou a concesión de axudas destinadas a entidades sen ánimo de lucro, orientadas ao fomento e apoio á realización de actividades físicas e deportivas para levar a cabo durante o ano.

O Goberno de Inés Rey volve situarse do lado das entidades deportivas coruñesas ao incrementar a partida dedicada ao desenvolvemento das súas actividades e atendendo as necesidades particulares de cada unha. “Por cuarto ano consecutivo aumentamos a contía para o desenvolvemento de actividades deportivas na cidade, o que permite manter viva e activa a actividade de moitas asociacións e clubs”, sinalou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.

O Concello atendeu, ademais, á diversidade e riqueza de disciplinas deportivas que se desenvolven na cidade, apoiando actividades como baloncesto, fútbol sala, balonmán, atletismo, hóckey sobre patíns e sobre herba, xadrez, pesca submarina, patinaxe artística e en liña, natación, waterpolo, tenis de mesa, ximnasia rítmica, halterofilia, vela, judo, automobilismo, piragüismo ou tiro con arco, entre outros.

As diversas liñas de axudas

As axudas ofrecidas polo Concello varían segundo o tipo de actividade á que van destinadas.
Así, as de organización de actividades deportivas chegan aos 6.000 euros; as dedicadas a actividades físicas, federadas ou non, dirixidas a mellorar a capacidade física e o tempo de ocio, poden chegar ata 4.000 euros; as de organización de campamentos e campus infantís que axuden á conciliación da vida familiar, ata 6.000 euros; as destinadas a actividades diversas (foros, congresos, publicacións…) ata 4.000 euros; e as de organización de actividades extraordinarias (eventos deportivos) ata 10.000 euros.