Os nenos e nenas que decoraron os xardíns con cabazas reuniranse o sábado 18 no mercado para merendar ao ritmo da música de Pakolas
A campaña Presume de xardíns chega á súa fin, pero, un ano máis, ademais de agradecer a súa participación, tamén queremos premiar o traballo dos nenos e nenas na decoración das cabazas, unha iniciativa que trata de fomentar dende a infancia o respecto e o coidado das zonas verdes e os espazos públicos. Foron 228 en total, e están todos/as convidados/as a unha celebración moi familiar que se celebrará o vindeiro sábado, a partir das 11.00 horas, no mercado municipal.
Para animar á rapazada a seguir coidando a natureza, todos e todas poderán degustar un chocolate Mariño ben quentiño con pan de ovo da Brea, e ademais gozarán da actuación de Pakolas cun espectáculo que intentará seguir fomentando ese respecto polos espazos públicos a través da música.
Os nenos e nenas, as súas familias, o profesorado dos colexios Xesús San Luís Romero, Nétoma-Razo e da escola infantil As Estreliñas, que, de xeito colectivo ou individual participaron na iniciativa coas súas cabazas, reuniranse nesta celebración tan especial, que agardamos poder seguir repetindo en vindeiros anos aínda con máis participación.
E se aínda non tiveches a ocasión de ver a decoración especial de Samaín dos nosos xardíns, animámoste a que fagas un percorrido antes de que retiremos as cabazas. Pagan moito a pena!