O Bergantiños FC, fundado no ano 1923, é a entidade deportiva máis antiga de Carballo. Con motivo do seu centenario, o goberno municipal que poñer en valor o importante labor deportivo e social desenvolvido polo club ao longo de todo este tempo e proporá no próximo pleno que se lle conceda a medalla de ouro do Concello de Carballo.
Ao longo da súa historia, o Bergantiños contribuíu a acadar o dereito da cidadanía á práctica deportiva e á formación da mesma nos valores do deporte. Actualmente conta cun total de 14 equipos, tanto masculinos coma femininos, que integran a máis de 300 deportistas, entre eles douscentos nenos e nenas das categorías de base, aos cales hai que engadir 12 equipos e outras 200 licenzas de base da entidade filial Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz. En total, máis de medio milleiro de deportistas.
O obxecto principal do club é a práctica do fútbol nas competicións oficiais, nas que ten acadado numerosos éxitos deportivos, entre eles o campionato da Copa Galicia de 1968-1969, a participación na categoría de bronce do fútbol nacional nas tempadas 1987-1988 e 1988-1989, o título de campión de 3ª división galega na tempada 1993-1994 e a lembrada participación na Copa do Rei en novembro de 1987 ante o Rayo Vallecano, con miles de afeccionados no campo de fútbol municipal.
Pero a relevancia do Bergantiños vai máis alá do ámbito deportivo. A entidade realiza tamén un gran labor social. Representa a Carballo máis alá do municipio e constitúe un elemento identitario, dinamiza e fomenta a participación da veciñanza nos asuntos colectivos, pois é elevadísimo o número de carballeses, carballesas e persoas de toda a comarca que, tanto como deportistas, adestradores, directivos, socios ou simpatizantes, participan das actividades do club.
En recoñecemento a esa gran contribución, o goberno municipal considera máis que merecida a concesión da medalla de ouro do Concello de Carballo, e así o proporá na sesión plenaria do 27 de novembro.