Friday 22 de November de 2024

Samaín celebrado este venres en San Sadurniño


Samaín celebrado no serán deste venres ao abrigo da Casa da Cultura de San Sadurniño. Unha cita que tivo que pospoñerse por mor do temporal da semana pasada e que hoxe ateigou de público o centro cultural para asistir á proposta escénica preparada pola veciñanza, que durante preto dunha hora percorreu os mitos, lendas e personaxes fantásticos da nosa tradición.

A xornada rematou no claustro do Convento do Rosario cun magosto e unha chocolatada popular. O Concello agradece a implicación das preto de cincuenta persoas de todas as idades -na súa maioría pertencentes á Asociación Brío, a O Castelo de Narahío e á agrupación cultural Encrucillada- que participaron na iniciativa coordinada polo director teatral Pepablo Patiño e conducida polo actor Kevin Lorenzo.

Desde as áreas de Cultura e Participación, promotoras deste primeiro Samaín veciñal en San Sadurniño, tamén se avanza a intención de repetir a experiencia o ano que vén, agardando que para daquela o tempo permita levar a cabo o itinerario exterior previsto inicialmente.