Este ano aniñaron no noso litoral un total de 11 parellas e acacouse unha cifra récord do 83% de polos que chegaron a voar
Hoxe estiveron na casa do concello a profesora e investigadora da USC María Vidal e o axente medioambiental Luis Amor para presentar os resultados da campaña de cría da píllara das dunas no noso litoral, uns resultados que cualificaron de “récord para Baldaio e para o conxunto de Galicia”.
Baldaio non só é unha das praias galegas nas que se concentra a maior comunidade de píllaras, senón que este ano rexistrou un éxito reprodutivo sen precedentes. Das 11 parellas máis ou menos estables que hai no noso concello naceron un total de 40 ovos, e 33 polos chegaron a voar (un 83%). “O obxectivo do plan de conservación galego é de 1,5 polos voados por parella. En Baldaio acadouse o máximo que se pode acadar, de 3 polos voados por parella, polo que o resultado é excepcional”, asegurou María Vidal, doutora en bioloxía e investigadora do grupo de biodiversidade animal na USC.
Desde o seu punto de vista, nos resultados influíron distintos factores, pero sobre todo aludiu ás condicións meteorolóxicas e ao “uso humano das praias”, que cada vez é máis respectuoso coa píllara grazas, dixo, ás accións de divulgación e sensibilización promovidas desde o Concello de Carballo. A situación non é perfecta e sempre quedarán aspectos mellorables, pero María Vidal destacou o gran cambio experimentado no litoral carballés e asegurou que “a xente de Carballo e a que vén a Carballo sabe da situación da píllara. Non hai un problema de incompatibilidade, senón de convivencia, e os resultados deste ano demostran que esa convivencia é posible”, asegurou.
Luis Amor aludiu á necesidade de regular os usos nos areais. “A xente ve o medio ambiente coma un ximnasio, e non é consciente de que non se pode facer de todo en todas partes. Pode facerse de todo, pero hai que saber cando e onde”, sinalou. O axente medioambiental lembrou que a píllara das dunas é unha especie ameazada, que, de feito, xa desapareceu do norte de España, e iso fai aínda máis importante o resultado da campaña en Baldaio.
Ao igual que María Vidal, considera que as campañas de información e sensibilización promovidas desde o Concello de Carballo están a dar froitos. “Outros anos non había día que fose á praia que non vise un can, e agora xa non é así”, manifestou. Desde o seu punto de vista, hai que seguir traballando na mesma liña, porque “estas cousas levan tempo, non se conseguen de hoxe para mañá”.
María Vidal e Luis Amor estiveron acompañados polo concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e polo alcalde, Evencio Ferrero, que aludiron á importancia da colaboración interinstitucional para seguir avanzando e que os resultados deste ano poidan repetirse no futuro. Miguel Vales destacou a implicación cada vez maior da veciñanza, e Evencio Ferrero engadiu que a protección da píllara debe ser un obxectivo colectivo. “Ou nos implicamos todos ou isto non sería posible”, dixo.
Ademais de dar a coñecer os excepcionais datos deste ano, que non teñen comparación cos do resto de Galicia, María Vidal anunciou que a Universidade de Santiago e a Dirección Xeral de Protección da Natureza están a participar nun proxecto europeo xunto con universidades de Extremadura, Andalucía e Portugal, para “traballar en conxunto pola conservación desta especie”. Neste sentido, asegurou que o caso de Carballo é un exemplo para acadar o obxectivo final, que é a recuperación da poboación europea de píllara. O proxecto inclúe accións formativas e informativas que tamén se desenvolverán en Carballo.