Inés Rey: “Hai situacións cotiás que as mozas sofren cada día e que non identifican como a violencia machista que é”
Rey acompañou ao delegado do Goberno, Pedro Blanco, na presentación da campaña ‘Amigo, dáte conta’ esta mañá no Espazo Xuvenil do Metrosidero
A alcaldesa, Inés Rey, acompañou esta mañá o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, na presentación da campaña con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Erradicación das violencias contra as mulleres. Baixo o lema “Amigo, dáte conta”, a campaña ten como obxectivo concienciar a xente moza da presenza da violencia machista no día a día.
A campaña presentóuselle esta mañá ao alumnado do IES Menéndez Pidal no Espazo Xuvenil do Metrosidero, posto en marcha no pasado mandato polo Goberno de Inés Rey. A alcaldesa destacou a importancia de campañas como a posta en marcha pola Delegación do Goberno e explicou que “hai situacións cotiás que as mozas sofren cada día e que non identifican como a violencia machista que é”.
Rey fixo fincapé na importancia de entender que as situacións que se dan na rede tamén son violencia a pesar de situarse nun espazo virtual. “Cando as mulleres recibimos insultos e comentarios lesivos por razón de sexo e non desde a discrepancia tamén estamos sendo vítimas de violencia” sinalou a rexedora. Logo da presentación, a alcaldesa e o delegado mantiveron un coloquio cos rapaces e rapazas do IES Menéndez Pidal. Tamén participaron no coloquio María Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña, Yoya Neira, concelleira da área de Benestar Social na Coruña, María Debén, xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Delegación do Goberno e Estrella Pérez Freire, directora do IES Menéndez Pidal.