Friday 22 de November de 2024

Dan comezo na EGAP as xornadas para unha unha boa xestión dos fondos estruturais e de investimento 2014-2020


A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos sinalou que os fondos comunitarios “son imprescindibles para fomentar o espírito empresarial, loitar contra a exclusión social e contribuír ao desenvolvemento dunha economía respectuosa co medio ambiente no uso dos recursos”

A EGAP acolleu a xornada formativa “Elixibilidade, simplificación e avaliación dos fondos estruturais e de investimento europeos 2014-2020”, organizada por este organismo en colaboración coa Dirección Xeral de Relacións Exteriores e a Unión Europea. Esta actividade formativa de marcado carácter práctico estivo dirixida a facilitar aos xestores públicos dos fondos europeos as claves necesarias para xestionar e executar de xeito estratéxico as inversións comunitarias previstas para o período 2014-2020.

Ao acto inaugural asistiron a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, e a experta en Dereito europeo do Instituto Europeo de Administración Pública de Barcelona, Gracia Vara.

Durante a súa intervención, a directora da EGAP resaltou que os fondos procedentes da Unión Europea “son vehículos fundamentais para combater o desemprego e mellorar o crecemento económico, mediante o apoio á innovación, á formación e á educación tanto en cidades como en zonas rurais”. Ademais, Sonia Rodríguez-Campos sinalou que estes fondos “son imprescindibles para fomentar o espírito empresarial, loitar contra a exclusión social e contribuír ao desenvolvemento dunha economía respectuosa co medio ambiente no uso dos recursos”.

No novo período de financiamento comunitario 2014-2020, Galicia reterá máis do 80 por cento dos fondos concedidos no período anterior grazas a un tratamento especial concedido polo feito de abandonar por primeira vez o grupo de rexións menos desenvolvidas. A partir de 2020, este importe reducirase previsiblemente dun xeito significativo, “polo que é importante aproveitar ao máximo a execución destes fondos”, subliñou a directora da EGAP.

Pola súa banda, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, explicou a importancia da organización deste tipo de xornadas para achegar un maior coñecemento sobre as ferramentas da UE de xeito que beneficien a unha maior cantidade de galegos. Na mesma liña, recordou o impacto positivo que estes fondos tiveron en Galicia, comunidade que recibiu dende a entrada da España na UE máis de 18.000 millóns de euros.

Este novo período de programación apoia a programación integrada, a concentración temática, a orientación a resultados, as condicionalidades, a gobernanza económica e o maior uso dos instrumentos financeiros. Todo isto debe exercer un papel esencial no logro dos obxectivos da Estratexia 2020 de alcanzar un crecemento intelixente, sostible e integrador en Europa.

En liña coa aposta da FGE pola formación, presentouse a súa Guía de Financiamento Comunitario 2014 – 2020 na que se recolle unha explicación dos programas europeos deste período, así como consellos sobre como acceder a eles. Esta publicación pretende ser unha referencia para ter una toma de contacto cos programas, a terminoloxía e as peculiaridades deste tipo de fondos europeos, así como axudar ás entidades galegas a identificar as oportunidades de financiamento máis adecuados e contribuír á captación de fondos comunitarios en Galicia.

Estas xornadas, orientadas especialmente aos xestores de fondos europeos da administración pública, tiveron unha gran acollida formando a máis de setenta participantes. Trátase dunha sesión práctica que pretende impulsar unha xestión e execución eficaz destes fondos da UE que están cada vez máis orientados a resultados. En concreto existen catro tipos de fondos, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Fondo Social Europeo (FSE), o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Durante a sesión de hoxe analizáronse os principais elementos que determinan a admisibilidade do gasto de proxectos cofinanciados por fondos europeos, nomeadamente do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e Fondo Social Europeo (FSE). Do mesmo xeito, incidiuse na importancia da avaliación neste novo período que rematará en 2020, explicando os elementos de admisibilidade que marcan tanto a UE como cada Estado.

De seguido, participou o socio director Governmente Performance Group e experto na Comisión Europea, Enrique Martínez Cantero, que falou sobre os requisitos na preparación dun plan de avaliación e o marco de rendemento e a reserva de eficacia. O curso continuará pola tarde coa intervención de Obdulio Tabera Pérez, supervisor experto no sector público en Grant Thornton e auditor para diferentes departamentos gobernamentais, autoridades locais e ONG´s, que tratará no seu relatorio sobre os aspectos prácticos de avaliación dun proxecto.