Saturday 16 de November de 2024

O departamento de Obras de Moeche planifica a reparación doutras catro pistas municipais


Investiranse cerca de 32.000 euros en camiños de San Xoán, Abade e Labacengos

O Concello de Moeche está a punto de publicar na plataforma de contratación os pregos técnicos e administrativos polos que se rexerá a licitación dun proxecto conxunto co que se repararán catro pistas municipais das parroquias de San Xoán, Abade e Labacengos. As obras, orzamentadas en 31.759,97 euros (IVE incluído), consistirán na limpeza de cunetas, a regularización do firme e a extensión dun novo pavimento asfáltico. Trátase de camiños situados nos lugares de San Ramón, O Castro, Loira e Balocos polos que se serven unha decena de propiedades entre vivendas e explotacións gandeiras. O Goberno local tiña xa preparados os proxectos de actuación a principios de ano en espera de que a Deputación da Coruña liberase fondos para poder executalos, algo que será posible despois de que o ente provincial consignase algo máis de 212.000 euros nas dúas fases do POS+ Adicional 2/2023.

Os catro tramos sobre os que se vai intervir teñen distancias comprendidas entre os 135 metros e o medio quilómetro, e anchos que varían entre os 2,75 e os 3,5 metros. En todos os casos respectarase o largo medio e, como labor previo, efectuarase unha limpeza en profundidade das beiras e das cunetas que irá seguida da reparación de desperfectos no firme actual para que sirva de base da nova capa de rodadura.

Ademais, en dúas das pistas incluídas no proxecto ampliarase varios metros a superficie asfaltada. Será nos camiños de acceso ás foxas do saneamento de San Ramón e de Balocos, que no primeiro caso alcanzará os 180 metros pavimentados -45 metros máis que na actualidade- e no segundo sumará outros 20 metros de mestura bituminosa máis 155 de saburra compactada, co que quedará reparado un trazado total de 315 metros.

Outro dos camiños que se vai amañar é o do Castro, moi preto da igrexa de Abade. Trátase dunha vía de 140 m que cae perpendicular á pista O Castro-A Casanova, tamén de reparación inminente con financiación provincial e municipal. Completa este paquete de obras unha recta de 500 metros en Loira (Labacengos), onde se saneará e volverá pavimentar a maior parte do firme, mentres que o seu segmento final, duns 40 metros, será demolido completamente para reconstruílo desde cero por causa do mal estado que presenta.

A Xunta de Goberno Local aprobou a semana pasada iniciar o expediente de contratación das obras recollidas neste proxecto conxunto. Agárdase que os servizos administrativos municipais publiquen nestes días a correspondente licitación pública, cun prezo de saída de 31.759,97 euros, IVE incluído, e un prazo máximo de execución de catro meses.