O deputado de Deportes, Antonio Leira, mantivo un encontro co alcalde, Pablo Lago, e representantes dos clubs deportivos de Brión
O alcalde de Brión solicitou a colaboración da entidade provincial para a remodelación do campo de fútbol José Pumar e para pechar o actual patio do IES Brión para destinalo á práctica deportiva
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, mantivo unha reunión co deputado delegado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, quen lle confirmou que nos próximos días, o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Brión poderán asinar o convenio polo que a Deputación cofinanciará con 150.000 euros as obras de ampliación do pavillón municipal de deportes de Pedrouzos. Un proxecto que ascende a un total de 540.346 euros.
Leira Piñeiro confirmoulle ao alcalde brionés que todos os trámites administrativos xa están realizados polo que nos próximos días estarán en disposición de poñer a disposición do Concello de Brión eses 150.000 euros. De feito, o Pleno municipal do pasado mes de outubro xa aprobou por unanimidade un crédito extraordinario de 390.346,08 euros para a ampliación do polideportivo municipal, polo que as obras poderán licitarse en breve.
Pablo Lago agradeceu o compromiso da Deputación da Coruña co deporte brionés “pois estamos falando dun proxecto moi necesario xa que o actual polideportivo quedou pequeno e precisamos construír un segundo recinto que serva tanto para a práctica deportiva como para acoller actividades culturais e educativas organizadas polo Concello e polos centros educativos de Brión”.
Unha realidade que Antonio Leira puido comprobar sobre o terreo na súa reunión con representantes dos clubs deportivos do municipio no polideportivo municipal de Pedrouzos. Un encontro no que tomaron parte representantes do Club Baloncesto Brión, Club de Patinaxe Brión, SD Brión e SD Luaña, aos que o responsable provincial de Deportes instou a solicitar as axudas que tanto a Deputación como a Xunta de Galicia convocan para o funcionamento das entidades deportivas, poñendo de manifesto que o ano pasado non se rexistrou ningunha petición na entidade provincial procedente do municipio.
Peche do patio
Tras conversar cos representantes dos clubs deportivos brioneses, Antonio Leira e Pablo Lago comprobaron sobre o terreo onde iría emprazado o novo recinto, de 630 m2 a carón do actual polideportivo. Un pavillón que será utilizado tanto para a práctica deportiva como para a realización de actividades culturais e/ou educativas por parte do colexio, do instituto ou do propio Concello de Brión. O novo inmoble contará cunha capa impermeabilizante e con paneis absorbentes acústicos, polo que manterá unha boa temperatura e unhas condicións axeitadas para a práctica de calquera tipo de actividade cultural, social ou deportiva.
O proxecto inclúe tamén a construción dunha pérgola de acceso á nova ampliación, de 128,77 m2, que protexerá da choiva tanto ás persoas usuarias desta instalación como ao alumnado do CEIP e do IES que utilizan os autobuses escolares para achegarse ou marchar do centro durante a xornada de mañá. Uns centros que tamén foron visitados polo titular provincial de Deportes, a quen o alcalde lle planteou un proxecto a futuro: a posibilidade de colaborar no peche dun dos patios para abrilo á práctica deportiva dos clubs fora das horas lectivas. Unha iniciativa a longo prazo, xa que primeiro o Concello de Brión precisa obter a cesión da instalación por parte da Consellería de Educación.
Campo de fútbol José Pumar
Finalmente, a comitiva oficial desprazouse ata o campo de fútbol José Pumar, na parroquia de Bastavales, onde se reuniu con parte da directiva do Bastavales UD, encabezada pola súa presidenta Ana Bouzas. Antonio Leira puido coñecer sobre o terreo as instalacións actuais do Bastavales UD, un campo de terra cuxo proxecto de acondicionamento e remodelación está a ser redactado pola Real Federación Galega de Fútbol, despois do convenio asinado recentemente co Concello de Brión.
As obras suporán unha remodelación integral do campo de fútbol que vén empregando o Bastavales UD, incluída unha ampliación da súa superficie en dez metros. Así, coas novas dimensións poderase xogar tanto a Fútbol-11 como a Fútbol-8, en dous campos de xogo. O proxecto inclúe tamén un novo alumeado, con catro torres de 20 metros e proxectores LED, así como una rede para a recollida da auga da chuvia e a instalación dunha nova rede de rego e dun peche das instalacións en aluminio. Unha actuación que suporá un investimento de case 550.000 euros.
Pablo Lago explica que “unha vez teñamos o proxecto temos que buscar a colaboración doutras administracións, como son a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, para a realización dunha obra que está cada día máis preto de ser unha realidade despois de moitos anos agardando por ela”.