Saturday 16 de November de 2024

San Sadurniño investirá máis de 36.000 euros na mellora da accesibilidade á Casa do Concello e ao edificio anexo


Anchearanse 100 metros de beirarrúas e dotarase o trazado con rampas e rebaixes deseñados para persoas con mobilidade reducida

 

San Sadurniño é un dos concellos beneficiarios das axudas convocadas pola Xunta a mediados do mes de xullo para financiar obras de adecuación da accesibilidade en instalacións municipais. Á liña de subvencións presentouse un proxecto que remodelará o tramo de beirarrúa comprendido entre a Casa do Concello e o aparcadoiro da EIM A Rolada, ademais de eliminar escalóns nos accesos a ambos edificios e no paso peonil situado ao pé da rotonda da estrada de Ortigueira. O importe da obra, que deberá estar rematada antes de fin de ano, ascende a 36.702,82 euros. A achega autonómica -proveniente dos fondos europeos Next Generation- cubrirá o 100% do investimento necesario.

O proxecto que se vai executar de maneira inminente virá solucionar dous problemas de accesibilidade que padecen tanto o edificio anexo ao Concello como a propia Casa Consistorial. E é que a beirarrúa que discorre paralela á AC-862, que data dos anos 90 do século pasado, non ofrece condicións axeitadas para o tránsito de cadeiras de rodas ou persoas con mobilidade reducida, debido sobre todo ao ancho tan reducido que ten -entre 80 centímetros e 1,10 metros, e aos materiais e as cotas da súa construción.

Ademais, como problema engadido, a comunicación entre a beirarrúa e os edificios municipais presenta un pequeno desnivel que se salvou con escalóns nos tres portalóns principais, o que supón outro atranco máis para a autonomía de quen ten dificultades para moverse.

Así as cousas, o deseño reflicte, por unha banda, construír unha nova beirarrúa de 1,80 m de ancho nos algo máis de 100 metros de percorrido que van desde o paso peonil até o tramo que prosegue logo cara ao Centro de Día. Ademais de refacer o pavimento enlousado, a obra tamén servirá para rebaixar o escalón do paso de cebra e nivelar con rampas cunha caída máxima do 9% as tres portas principais, dúas situadas diante do Centro de Empresas e unha xusto fronte ao Concello.

“O proxecto vai solventar a cuestión da accesibilidade a pé desde o aparcamento e desde o paso peonil, pero sobre todo nas entradas desde a beirarrúa á escola infantil, ao centro empresarial e ás oficinas municipais. Teremos unha beirarrúa máis ancha e cunha certa altura de seguridade con respecto á estrada, sen sacrificar demasiada superficie de estacionamento diante do Concello”, explica o alcalde de San Sadurniño, Secundino García.

O investimento está cuantificado en 36.702,82 euros, impostos incluídos, que se sufragarán ao cento por cento coa axuda comunicada hai escasos días pola Xunta de Galicia. A convocatoria, nutrida cos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia-Next Generation- dá até principios de decembro para levar a cabo a obra e presentar a xustificación correspondente. Un prazo “demasiado xusto”, segundo comentou o rexedor, que obrigará ao Concello a axilizar a contratación dos traballos, independentemente de que o Goberno autonómico poida conceder algún tipo de prórroga.

“As axudas convocáronse a finais de xullo, en pleno verán, polo que tivemos que apurar a preparar a memoria valorada do que se pretende facer e poder solicitar a subvención xa en agosto. A resposta chega tres meses despois e practicamente sen dar tempo material para executar as obras. Con todo, os servizos municipais xa teñen en marcha o expediente de contratación e confiamos en poder cumprir cos tempos tan escasos que nos deu a Xunta”, conclúe García Casal.