Friday 22 de November de 2024

Novo Mesoiro contará co primeiro composteiro comunitario grazas a un proxecto municipal que chegará a máis barrios


A iniciativa do Concello busca que a cidadanía deposite neste equipamento os seus residuos orgánicos

O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Medio Ambiente, iniciará nos próximos días as obras para instalar un composteiro comunitario no barrio de Novo Mesoiro. Trátase da primeira instalación dunha iniciativa que chegará nos próximos meses a outros barrios da cidade. Está prevista a súa instalación de maneira inminente e a súa posta en funcionamento nas vindeiras semanas.

O Goberno de Inés Rey busca con este proxecto que a cidadanía deposite neste equipamento os seus residuos orgánicos e, así, se familiarice co proceso de xeración de compost. O produto resultante poderá ser empregado pola propia cidadanía, polas persoas adxudicatarias das hortas urbanas do barrio ou como abono para parques e xardíns de titularidade municipal.

A compostaxe comunitaria consiste en empregar a fracción orgánica/biorresiduos domésticos xerados nas diversas vivendas ou actividades para facer compost de calidade na proximidade dos fogares. A compostaxe realízase de forma controlada co apoio de mestres composteiros nestes novos centros de compostaxe de uso común para a cidadanía situados axeitadamente en zonas verdes.

O mestre ou mestra composteiro será o encargado de que a compostaxe se realice correctamente. Vixiará parámetros como a humidade, a temperatura e o aireado do proceso de compostaxe na procura de aumentar a calidade do compost final. Tamén resolverá calquera dúbida das persoas participantes.

Os novos centros de compostaxe comunitaria están formados por unidades modulares dun metro cúbico, onde se desenvolverán as distintas fases do proceso de compostaxe. No caso do novo centro de compostaxe comunitario no barrio de Novo Mesoiro, contará con seis módulos en total. Ademais, a carón do mesmo, existirá unha caixa con restos de podas do servizo de xardíns (axente estruturante) para que os cidadáns poidan recoller esta materia seca coa que cubrir os seus biorresiduos.