Friday 22 de November de 2024

Os socialistas tachan de “tomadura de pelo” a actitude da Xunta respecto o parking no CHUS


Censura o seu portavoz, Gonzalo Muíños, que se “tiñan un proxecto para un aparcadoiro de mil prazas” o que “tiñan que facer é executalo cos 11 millóns de euros que destinaron a unha senda entre Milladoiro e San Caetano que ninguén pediu”

Unha tomadura de pelo é a ollos do grupo socialista a actitude da Xunta de Galicia respecto o aparcadoiro do Hospital Clínico. Logo de que o goberno local mantivera unha reunión co conselleiro de Sanidade e a de Infraestruturas que rematou sen avances, o portavoz dos socialistas acusa á administración autonómica ter financiación para outros proxectos “que non repercuten na vida das persoas” e “enredar cos asuntos realmente importantes”.

Muíños amosouse especialmente crítico coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez e o deputado Borja Verea ao asegurar que “se tiñan un proxecto para acometer un aparcadoiro de mil prazas, o que tiñan que facer é executalo” e “non dilatar algo que, como sempre, os que asumen as consecuencias son os veciños”.

Asegura o edil socialista que ese aparcadoiro poderían financialo cos 11 millóns de euros que se destinaron á senda ciclista entre Milladoiro e San Caetano un proxecto que, recorda, contou cunha forte oposición veciñal, “ou temos que recordar as alegacións presentadas polos veciños afectados?”.

“A Xunta ten 35 millóns para a ampliación das súas oficinas, ten 11 millóns para unha senda que ninguén pediu, ten 2 millóns para máis obras no Monte do Gozo” denunciou o portavoz dos socialistas criticando que esas sexan “as prioridades da Xunta” mentres “co aparcadoiro dun hospital público seguen enredando”.