Friday 22 de November de 2024

A I Feira Agroalimentaria e XXXIII Feira do Mel no Ortegal terá lugar esta fin de semana en Ortigueira


As xornadas contarán con charlas, talleres, degustacións, sorteos e animación infantil.

Durante as xornadas de sábado e domingo, Ortigueira acollerá na Alameda a máis de 25 produtores con motivo da I Feira Agroalimentaria e XXXIII Feira do Mel. Estas xornadas teñen como principal obxectivo dar difusión aos distintos elaboradores e comercializadores de mel e produtos agroalimentarios e poñer en valor a excelencia da calidade dos produtos locais.

Entre os diferentes stands poderase atopar unha selección dos mellores queixos, embutidos, hortalizas, verduras, produtos de herbolario, alimentación ecolóxica, panadería, chocolates e mel da zona.

Entre as moitas actividades que se desenvolverán durante a fin de semana, o sábado no Centro Social Alameda haberá un obradoiro de “Elaboración e procesado de zume de mazá” (11:00h e 13:00h) e charlas de carácter formativo como “Problemáticas actuais da apicultura en Galicia” (16:00h) e “Artesanía Alimentaria” (18:45h), entre outras, da man de AGACAL, Mel de Galicia, Agrupación Apícola de Galicia, Apicultores Asociados e a Asociación Recursos de Aldea.

A Carpa da Feira permanecerá aberta o primeiro día en horario de 16h a 20h e aparte de gozar de todos os produtos exhibidos, os visitantes terán a oportuidade de participar nun obradoiro de Cera durante toda a tarde.

O domingo, a Carpa da Feira, estará aberta en horario de 10h a 19h e haberá obradoiros de “Extracción de Mel” (12:30h), “Cera” (durante todo o día). No Centro Social Alameda haberá unha degustación (13:00h) elaborada pola Asociación Entrefogóns.
Durante ambos os días, na Carpa da Feira, impartiranse obradoiros infantís como “Colmeas con materiais reciclados” (Sábado, 17:30-19:00h), “Tarros de luz de Outono” (Domingo, 12:30-13:30h) e un show de maxia a cargo de Magic Mateo (Domingo, 17:00-18:00h). Tamén se sortearán 5 cestas con produtos dos diferentes produtores participantes nesta edición.

Desde a organización anímase a todos os veciños de Ortegal e arredores a acompañalos no que sen dúbida será unha saborosa fin de semana para toda a familia cargado de actividades para todos os gustos.