Monday 25 de November de 2024

A Coruña acolle mañá a estrea da curtametraxe ‘Balle Voyage’, unha homenaxe a Alfred Hitchcock


O Concello apoia esta produción que dirixe Iria Ares e que ten o ascensor do Monte de San Pedro como escenario principal

O Teatro Colón vestirase mañá de gala para acoller aestrea de ‘Balle Voyage’, unha curtametraxe dirixida por Iria Ares en homenaxe a Alfred Hitchcock e cun escenario único: o ascensor do Monte de San Pedro. A estrea é de balde e está aberta a todo o mundo ata completar capacidade.

O Goberno de Inés Rey apoiou a produción desta curtametraxe, nun claro impulso da cidade como escenario de pequenas e grandes obras audiovisuais, algo que quedou constatado nos últimos anos, con numerosas rodaxes no termo municipal. O evento deste venres contará cunha presentación e un faladoiro que correrá a cargo da directora do filme e o actor protagonista e produtor, Xoán Carlos Mejuto.

Cunhas vistas panorámicas da Coruña e unha minuciosa produción, ‘Balle Voyage’ conseguesituar de novo a cidade como un espazo perfecto para realizar bo cine. A historia xira ao redor de ‘D’, un axente que traballa para unha organización secreta de intercambio de favores. Tras ser citado no ascensor do Monte de San Pedro, descubrirá alí o cadáver da súa última vítima perfectamente colocado quedando atrapado no ascensor mentres intentaba sacar de alí o corpo. Iso si, non estará só, senón que se verá arrodeado de Annie, unha auténtica muller Hitchcock, e un grupo de nenos e cómicos que están celebrando unha festa infantil.

As técnicas características usadas por Hitchcock ao longo da súa carreira veranse reflectidas nesta produción que, sen dúbida, deleitará aos amantes do thriller psicolóxico e do propio cineasta.