O Partido Popular pídelle que faga un “copia e pega” do de calquera institución democrática, da que queira.
Gelo pretende levantar un muro de contención para non ter que dar explicacións no pleno do seu abandono e incompetencia.
Xa non só impide que se tramiten mocións, senón que agora propúxose acabar cos rogos e preguntas que formulaban oralmente os concelleiros ao final das sesións plenarias, no contexto de baleirado sistemático de contidos do pleno que instaurou desde o comezo das súas lexislaturas.
Como todos os tramposos cando lles vai mal, quere cambiar as regras do xogo empezado o partido.
Lamentablemente, como ten maioría absoluta, conseguirao, pero aínda así faremos o maior esforzo para que non se perda o dereito e a obrigación de control e impulso do goberno que as leis outorgan á oposición.
Aínda que sabemos que é clamar no deserto pedirémoslle que, para a reforma anunciada do Regulamento de Organización do concello, teña en conta as normas de participación de calquera outra institución democrática, a que queira, con tal de que sexa respectuosa coas liberdades e dereitos recoñecidos pola Constitución e as leis aos grupos municipais.
En alguén que saturou o Concello de figuritas, estampitas e medallitas en honra aos seus “santos” comunistas é moi difícil atopar a máis mínima empatía coa democracia e as súas regras, máxime cando o mesmo declárase comunista e, máis que iso, castrista.