Friday 22 de November de 2024

O Concello de Laxe completa a primeira fase das obras de mellora na biblioteca e no Salón de Actos Culturais


• Incluíu a renovación das plataformas salvaescaleiras de acceso, o pintado de distintos espazos e a adquisición de tres equipos informáticos

• A segunda etapa levarase a cabo ao longo deste mes de novembro

• A actuación contou coa cofinanciación da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia

O Concello de Laxe vén de rematar a primeira fase do proxecto de mellora da accesibilidade e acondicionamento da biblioteca e do Salón de Actos Culturais municipais.

Esta primeira etapa dos traballos incluíu a renovación das plataformas salvaescaleiras de acceso aos inmobles e o pintado do espazo escénico e dos elementos accesorios no salón de actos culturais.

Por outra banda, tamén se adquiriron tres novos e actualizados equipos informáticos para o libre uso e consulta das persoas usuarias da biblioteca municipal Antón Zapata.

O proxecto contará cunha segunda fase que se desenvolverá ao longo do mes de novembro e que consistirá na reparación dunha das paredes do Salón de Actos Culturais, que conta con grandes problemas de humidade. Para evitar que se repitan, tratarase esta superficie para prever e evitar que volvan aparecer estes inconvenientes.

A actuación contou coa cofinanciación da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, que subvencionou o 62% do orzamento total, que ascende a 9.386 euros.

Desde o goberno local sinalan a importancia de desenvolver esta actuación, xa que estas instalacións acollen unha parte moi importante da programación cultural “neles desenvólvense a maior parte dos programas, actividades e actuacións municipais que realizamos ao longo do ano”, indican.

Sinalan, ademais, que con este proxecto “optimizamos a acción e intervención cultural municipal, creando un servizo público de calidade para mellorar a experiencia de todos os usuarios e usuarias”.