Poderán anotarse na Casa do Concello ata o vindeiro 1 de decembro
O Concello de Neda abre hoxe a preinscrición na Campaña de Neve 2024, promovida pola Deputación da Coruña, para nenos e nenas de entre 11 e 15 anos, inclusive, cumpridos a 31 de decembro de 2023. No marco da iniciativa, que se desenvolverá na estación de Valgrande- Pajares (Asturias) no mes de xaneiro, a localidade disporá dun total de cinco prazas.
A campaña provincial contempla catro días con aloxamento e manutención, nun albergue a pé de pista, con cursos de esquí e actividades complementarias na estación invernal entre o 19 e o 22 de xaneiro. Haberá plans alternativos no caso de que se dea a circunstancia de que nesas datas non sexa posible esquiar.
As familias do municipio interesadas en que os seus fillos/as participen desta experiencia teñen de prazo para inscribilos na Casa Consistorial ata o 1 de decembro. No caso de que haxa máis solicitudes de participación que prazas dispoñibles, o Concello realizará un sorteo público ante o secretario municipal, tendo prioridade aqueles rapaces/as que non participaran anteriormente na campaña de neve.
A Deputación responsabilízase da maior parte dos gastos ocasionados polos cursos; transporte de todos os participantes dende a comarca, estancia, manutención, monitores, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos na estación e actividades varias. As familias deberán aboar, iso si, unha cota de participación de 85 euros.