Friday 22 de November de 2024

O concello acondiciona os terreos de titulariadade municipal xunto ao CEIP Otero Pedrayo


A intervención é o xerme do obxectivo final de futuro: mellorar os accesos, crear aparcamentos e incrementar os espazos dotacionais vinculados ao centro.

O Concello ten en fase de execución os traballos de acondicionamento, saneamento, limpeza integral e nivelación dos terreos de titularidade municipal situados a carón do CEIP Otero Pedrayo. O alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Ensino, Patricia Bello, e o edil de Obras, Pablo Cambón, comprobaron in situ o desenvolvemento das primeiras actuacións nunha visita ao lugar das obras.

O espazo que está a ser obxecto da intervención alcanza os 6.300 m2, sendo unha parte da superficie total de 13.761 m2 adquirida polo Concello no marco do Plan especial de ampliación dos equipamentos educativos do centro de ensino máis importante da Laracha en canto a número de alumnos.

Esta actuación de acondicionamento do terreo é soamente o xerme do obxectivo último fixado polo Concello para levar a cabo no futuro, consistente na creación dun novo acceso principal ao centro, habilitar unha ampla zona de aparcamento para autobuses e vehículos particular e incrementar os espazos dotacionais vinculados ao colexio trala diminución das zonas exteriores libres de edificacións que implicou nos últimos anos a construción do novo módulo de educación infantil e do pavillón polideportivo cuberto.