O Executivo autonómico financia esta actuación, que ten un custe de case 22.000 euros.
A Xunta de Galicia iniciou recentemente os traballos de mellora na escola infantil de Oroso, que se centran na reforma completa das fachadas deste centro pertencente á rede pública autonómica e nos que se investirán preto de 22.000 euros. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá o centro acompañado do alcalde, Alexander Doval Expósito.
Perfecto Rodríguez enmarcou estes traballos no programa de actuacións que ao longo de todo o ano leva a cabo o Consorcio tanto nas escolas infantís como nos centros de día e residenciais para as persoas maiores que son da súa titularidade. O obxectivo destas intervencións é poñer á disposición das familias galegas as mellores instalacións para o coidado dos seus pequenos e maiores, explicou o xerente.
En concreto, na escola de Oroso lévanse a cabo obras de impermeabilización e pintado das súas fachadas exteriores, que financia directamente o ente autonómico. Con esta intervención garántese a máxima protección da infraestrutura para evitar humidades e posibles filtracións.
A Xunta puxo en funcionamento este centro no curso 2015-2016 e na actualidade dá servizo ás familias de 36 nenos. Os pais non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos, grazas á gratuidade implantada polo Goberno galego en todas as escolas infantís da nosa comunidade.