• O Concello pon en marcha a VII edición de ‘Xanelas do Nadal’, que pretende fomentar a relación entre veciños nos días previos ás celebracións do Nadal
• As persoas interesadas deben decorar unha xanela da súa vivenda ou establecemento e inaugurala no día asignado dentro do particular calendario de advento
O Concello de Ortigueira volve poñer en marcha un ano máis a iniciativa ‘Xanelas do Nadal’. Será a sétima edición dun evento que busca que os veciños e veciñas, os comerciantes e as asociacións sexan os protagonistas na conta atrás ortigueiresa cara ao Nadal.
Deste xeito, a dinámica de ‘Xanelas do Nadal’ parte dunha premisa: os residentes apúntanse e asígnaselles un día no que deberán inaugurar a súa xanela, decorada e iluminada con motivos do Nadal. Esa inauguración consiste, ademais, en ofrecer unha invitación xeral a todas aquelas persoas que se queiran achegar e compartir con eles unha bebida ou algo para picar -sempre na medida das posibilidades do anfitrión-.
Así, todos os residentes, comunidades de veciños, asociacións, colectivos ou comerciantes que estean interesados en participar nesta proposta para xerar ambiente do Nadal e socializar poden apuntarse ata o día 30 de novembro a través de dúas vías: chamando de luns a venres á Casa do Concello (ao 981 40 00 00 e preguntando por Cristina) ou na Oficina de Turismo (981 42 20 08).
O prazo límite para inscribirse termina o xoves 30 de novembro, un día antes de comezar a rolda de inauguracións. Porque as xanelas iranse inaugurando por números ata completar o calendario de advento, desde o 1 de decembro ata Noiteboa.
O Concello de Ortigueira anima a todas as persoas do municipio para participar nesta iniciativa que busca xerar un clima de convivencia positiva e dar luz e cor á entrada do Nadal. Ademais, lémbrase que esta iniciativa é un proxecto veciñal que carece de simboloxía relixiosa, polo que nela pode participar calquera veciño ou veciña, independentemente das súas crenzas.