Friday 22 de November de 2024

O Concello de Ribeira denuncia o mal estado das instalacións do Centro de Saúde de Ribeira


O alcalde de Ribeira e os tenentes de alcalde Francisco Suárez-Puerta e Vicente Mariño visitaron hoxe o Centro de Saúde de Ribeira para coñecer de primeira man as necesidades e carencias de espazo e de persoal que tanto pacientes como traballadores deben afrontar cada día.

O edificio está moi deteriorado debido ás humidades e goteiras en moitas das salas e espazos comúns, tamén é preciso o aumento do número de consultas porque os enfermeiros e enfermeiras teñen que pasar consulta en horario diferente do profesional médico asignado por carecer de espazo. Cristina González Bastos, médica de familia e traballadora do centro, solicitou ao goberno municipal que “medie ante a Consellería de Sanidade para resolver as carencias das instalacións”.

Segundo explica, é preciso aumentar a dotación do persoal que corresponde ao Centro de Saúde e ao Hospital da Barbanza, “que dificulta o desempeño do seu traballo e a atención dos pacentes”.
Ademáis diso, afirma “necesaria a dotación dunha ambulancia medicalizada e seguridade na porta das Urxencias debido ao aumento das agresións que se producen no Centro de Saúde”.
Pola súa parte, o alcalde Luís Pérez destacou a “precariedade na que se atopan as instalacións” e reafirmou a disposición do Concello de Ribeira para colaborar coaConsellería de Sanidade co fin de buscar unha alternativa para albergar un novo Centro de Saúde. Nese sentido destacou que Ribeira ten un Plan Urbanístico que impide desenvolver un Centro de Saúde tal e como solicita a Consellería. “Estannos a pedir demasiados metros cadrados de superficie, algo imposible de conseguir no casco urbano neste momento” explica. ”Necesitamos que a Consellería reconsidere a súa postura e permita que o Concello de Ribeira lle ceda unha parcela céntrica para realizar un edificio en altura, completamente accesible e comunicado co transporte público”.

O rexedor reiterou así mesmo a necesidade de aumentar de dotación de persoal sanitario, administrativo e medios suficientes para que se poida “dar a mellor atención posible á veciñanza e para que o persoal sanitario poida desenvolver o seu traballo nas mellores condicións posibles.” Por último agradeceu o traballo e implicación dos profesionais dos que declarou que “sen o seu esforzo, a situación en Ribeira sería de auténtico colapso”.