Saturday 16 de November de 2024

O alcalde de Frades e o conselleiro de Política Territorial estudan vías de colaboración para mellorar a prestación de servizos



Roberto Rey plantexou a posta en marcha un Punto de Atención á Infancia, en colaboración con outro municipio da comarca, e pediu financiamento para o servizo de atención temperá da Mancomunidade

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, reuniuse en San Caetano co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e co novo director-xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez. Unha reunión enmarcada dentro dos encontros que este Departamento está a realizar cos rexedores dos municipios galegos para acadar melloras na atención e nos servizos sociais dos que se ven beneficiados os veciños de Galicia.

Na xuntanza, conselleiro e alcalde estudaron novas vías de colaboración para mellorar os servizos orientados á terceira idade, xuventude, infancia e dependencia. Dende a Xunta apuntan que o Goberno galego e as entidades locais adquiren o compromiso de optimizar os recursos autonómicos e municipais na busca dunha política social axeitada que se adapte as necesidades de cada concello.

Entre outros proxectos, o alcalde de Frades plantexou a posibilidade de promover a posta en funcionamento dun Punto de Atención á Infancia, que sería compartido con outro municipio da comarca. Como presidente da Mancomunidade de Municipios de Ordes, Rey solicitou colaboración financeira de Política Social para o programa de atención temperá. “Trátase dun servizo moi demandado pola cidadanía e que prestamos con catro traballadoras, dúas a media xornada e dúas a xornada completa. Pedinlle ao conselleiro que nos axudara economicamente para poder ter a esas catro persoas a xornada completa e poder así atender toda a demanda que hai na comarca”, explica Roberto Rey.