Apunta que ata o momento foron 261.294 persoas as que recolleron a compostela ao longo deste ano, o que significa un incremento do 10% con respecto ao 2014 e converte o 2015 no mellor ano non santo da historia da Comunidade
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou ao traballo conxunto entre as comunidades autónomas polas que discorre o Camiño de Santiago para converter o Ano Santo da Misericordia nun ano récord de peregrinos. Así o manifestou logo de participar no pleno do Consello Xacobeo, que estivo presidido polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, e ao que tamén asistiron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Segundo apuntou, ata o momento foron 261.294 persoas as que recolleron a compostela ao longo deste ano, o que significa un incremento do 10% con respecto ao 2014 e converte o 2015 no mellor ano non santo da historia da Comunidade, posto que se pechará con cifras moi similares ás do pasado Ano Xacobeo 2010.
A candidatura do Códice Calixtino ao Rexistro da Memoria do Mundo da Unesco
Feijóo adiantou que a xuntanza do Pleno do Consello Xacobeo, que é o órgano de cooperación entre o Goberno central e as comunidades que atravesa o Camiño (Galicia, País Vasco, Cataluña, Asturias, Cantabria, La Rioja, Aragón, Navarra e Castela e León), aprobou presentar a candidatura do Códice Calixtino ao Rexistro da Memoria do Mundo da Unesco. Unha iniciativa, dixo, que se suma á recente declaración como Patrimonio da Humanidade dos Camiños do Norte e, tamén, ao nomeamento como Embaixador Honorario da Marca España que o mes pasado recibiu o Camiño de Santiago.
A reunión, engadiu, serviu para expoñer ante as demais comunidades autónomas as actuacións que ata o de agora a Xunta leva realizando para impulsar o valor patrimonial da Ruta a Compostela. E, neste sentido, lembrou que o Goberno galego aprobou pasado mes de setembro o Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago para o horizonte de 2021, dotado con preto de 60 millóns de euros. Contempla 82 actuacións, segundo explicou o presidente, destinadas a que o Camiño sexa sostible e accesible a través das novas tecnoloxías, a que potencie a súa multiculturalidade, conserve en bo estado as súas rutas e posicione internacionalmente a Marca Galicia e a Marca España.
Por outra banda, o titular da Xunta puxo en valor as obras de restauración da Catedral de Santiago aprobadas polo Goberno galego e que xa se están a desenvolver. Segundo especificou, contan cun investimento por parte do Goberno de España de 17 millóns de euros e, xunto coas distintas intervencións que ao longo dos últimos anos a Xunta foi acometendo na basílica, suman un investimento total na Catedral próximo aos 30 millóns de euros. O obxectivo, dixo, é que estes traballos estean finalizados para o vindeiro Ano Santo 2021.
Recuperar o espazo natural do Monte do Gozo
Do mesmo xeito, Feijóo aproveitou para avanzar na xuntanza que esta mesma semana o Goberno galego aprobará o Plan director do Monte do Gozo. Unha estratexia para a recuperación integral deste espazo que é, dixo “o gran mirador de Compostela” e o parque natural máis grande de Santiago.
Finalmente mencionou tamén a recente inauguración na rúa Carretas de Santiago do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, que supón “un antes e un despois” canto á atención ao peregrino e que contará, entre outras instalacións, cunha Biblioteca de Estudos Xacobeos.