Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño pasa para este venres a celebración do seu Samaín


A festa tivo que suspenderse a pasada fin de semana por causa do temporal

Venres 10 de novembro, 20:30h. Esas son a data e a hora elixidas polo grupo organizador do Samaín para saír á rúa e mostrarnos o espectáculo no que levan semanas traballando, suspendido o sábado pasado por causa do aviso de temporal. O Concello tentará que este venres a cousa vaia adiante -sempre e cando o tempo axude- xa que, doutro modo, tería que suspenderse até o ano que vén. O que veremos lévase en segredo e de momento só se sabe que será unha sorte de procesión das ánimas na que o público percorrerá o traxecto comprendido entre o lavadoiro do Campo da Feira -preto da Capela de Belén- e o claustro do Convento do Rosario. Irán na compaña dun guía que lles irá contando unha historia, mentres que en certos lugares -non imos dicir onde- irán facendo parada para descubriren algúns dos persoeiros propios da nosa cultura asociados aos rituais da morte e do cambio de estación. Na iniciativa participan preto de cincuenta persoas adultas e pequenas entre entidades e veciñanza que se sumou ao chamamento municipal para armar un Samaín distinto e participativo.

O itinerario rematará no claustro do Rosario cun magosto e unha chocolatada, ademais da posibilidade de continuar a festa cunha foliada popular. Porén, antes dese final que cadra na véspera do San Martiño, o público fará unha viaxe pola tradición partindo do lavadoiro situado no parque Antonio Freijomil, un chisco máis arriba da capela do Belén.

Son pouco máis de 800 metros de distancia nos que se irán sucedendo personaxes e lendas que gardan relación co tránsito ao Alén e os ritos funerarios, cos costumes deste tempo vencellados coas colleitas e a chegada do inverno e, por suposto, co costume recentemente recuperado de deixar no camiño cabazas escintilantes e estarrecedoras coas que axotar os malos espíritos.

O público será parte dunha comitiva que presenciará varias escenas preparadas pola veciñanza con axuda do actor e director escénico Pepablo Patiño. Estacións dunha procesión nocturna protagonizadas pola Deusa Navia -avegosa das augas e das ánimas que buscan o descanso eterno-, polo Lobishom, pola romaxe entre tebras da Santa Compaña… e por outros referentes que na súa maioría aínda perviven no imaxinario colectivo.

O Samaín estaba programado para a noitiña do sábado pasado, pero viuse truncado polas alertas de temporal. O día anterior, o venres 3, o grupo de traballo acordou suspendelo e adialo para este venres na confianza de que o tren de borrascas dea unha tregua. Ademais, pospoñelo para máis adiante xa non tería demasiado sentido, habida conta de que se trata dunha celebración desfasada canto máis se separe do 31 de outubro.

Polo tanto, este venres 10 de novembro a partir das 20:30h a cita é no lavadoiro situado nas inmediacións do Campo da Feira… e despois xa se irá vendo todo o que hai, co compromiso de degustar ao final unhas castañas e un chocolate ben quentiño entre a troula dunha foliada aberta (quen queira que leve instrumentos).

No caso de que chovese trasladaríase a parte máis teatral para a Casa da Cultura, mantendo o magosto baixo carpa no adro e o claustro do Rosario.