A serie ‘Irmás na fala’, producida pola RAG e realizada por Nós TV co apoio económico do Concello da Coruña, estréase esta noite en academia.gal e Youtube e poderá verse tamén nas palataformas de Nós TV e en Movistar Plus
Trátase dun documental de 90 minutos en catro capítulos sobre as irmandiñas, que reivindicaron os dereitos das mulleres como cidadás cando aínda nin se recoñecera o voto feminino
O Concello da Coruña e a Real Academia Galega presentaron esta mañá, na Fundación Luís Seoane, a serie web ‘Irmás da fala’ producida pola RAG e realizada por Nós TV co apoio económico do Concello da Coruña. O primeiro capítulo estréase esta mesma noite ás 21.00 horas e posteriormente, cada martes, ata o vindeiro 28 de novembro, presentarase un novo episodio. A serie poderá verse ademais en Nós TV e en Movistar Plus.
Trátase dun documental de 90 minutos en catro capítulos sobre as irmandiñas, que reivindicaron os dereitos das mulleres como cidadás cando aínda nin se recoñecera o voto feminino. O concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, interviu na presentación xunto coa secretaria da institución, Margarita Ledo e acompañados pola guionista, Ana Viqueira, e a a poeta Rosalía Fernández Rial, condutora dos catro capítulos.
“A Coruña é berce do galeguismo e do feminismo galego e as irmandades da fala son o
mellor exemplo, contando con decenas de mulleres entre as súas filas que puxeron a igualdade e a lingua no centro da acción” explicou Gonzalo Castro.
Contexto histórico
O 18 de maio de 1916 celebrouse no local que daquela ocupaba a Real Academia Galega, na rúa Rego da Auga da Coruña, a primeira xuntanza das Irmandades da Fala. Nacía así un movemento chave que abriría un novo tempo para a defensa da lingua galega e de Galicia como suxeito político, formado por agrupacións locais espalladas por todo o país que chegaron a ter unhas 700 persoas afiliadas. As escasas fotos dos seus encontros amosan practicamente só facianas masculinas, e naquela xuntanza fundacional estivo unha única muller, Micaela Chao Maciñeira. Elas tamén participaban nos debates políticos e loitaban polos seus dereitos como cidadás cando aínda nin se recoñecera o voto feminino. De todo isto dá conta Irmás na Fala, a serie web que produce a RAG -co apoio económico do Concello da Coruña- para contribuír ao coñecemento e recoñecemento de mulleres que abriron camiños de futuro para todas.
A narración de ‘Irmás na Fala’ enlíñase a través das biografías de cinco irmandiñas destacadas: Micaela Chao Maciñeira, a “irmá pioneira”; a modista María Miramontes, mecenas de proxectos coma as Escolas de Insiño Galego; a mestra Elvira Bao, seguramente a primeira irmá que pronunciou mitins; Amparo López Jeán, presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña e primeira afiliada do Partido Galeguista nesta cidade; e a nadadora Emilia Docet, a chamada Miss España galeguista, participante no Mitin das Arengas da praza da Quintana canda figuras coma Castelao ou Otero Pedrayo.
As protagonistas
Micaela Chao Maciñeira foi compañeira do home que liderou a creación das Irmandades, Antón Villar Ponte; e Elvira Bao e Amparo López Jeán tamén tiveron compañeiros de vida comprometidos co galeguismo, mais o seu papel e o doutras compañeiras nas Irmandades da Fala foi autónomo e activo, por máis que fosen “as obreiras invisibilizadas”, en palabras de Emilio Xosé Ínsua, dunha organización que se declarou a favor da emancipación feminina dende os primeiros compases. “Que un movemento que nace no 1916 proclame na súa primeira xuntanza xeral que a muller e o home teñen que ser iguais en dereitos dá a medida do seu compromiso, en teoría, coa causa da igualdade das mulleres. O nacemento da Sección Feminina dentro da Irmandade Coruñesa respondía a ese clima”, expón o investigador no capítulo 1, que ten como protagonista a Micaela Chao Maciñeira.
Vindeiros capítulos
O martes 14 de novembro estrearase o segundo episodio, centrado en Elvira Bao e María Miramontes, dúas figuras centrais na galeguización da educación que defendían as Irmandades da Fala, que trataron de poñer en marcha as Escolas de Insiño Galego. O 21 de novembro lanzarase un novo episodio sobre Amparo López Jeán e Emilia Docet e o derradeiro capítulo, que poderá verse a partir do 28 de novembro, abordará o legado das irmandiñas.