A conselleira do Medio Rural participou nesta actividade de promoción, na que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
A Consellería do Medio Rural fixo promoción en Melide do selo de garantía Galega 100% na “Feira Agroalimentaria de Galicia Manxares”, da man da propia titular do departamento, Ángeles Vázquez, e da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.
Ángeles Vázquez destacou a importancia de consumir os produtos galegos da terra, co obxectivo de impulsar e fomentar o noso sector agroalimentario. Neste senso, sinalou que optar polo selo Galega 100% contribúe a apoiar ao sector leiteiro galego, unha razón de peso que cómpre levar a cabo entre todos, sinalou.
Esta acción promocional complementa as actividades levadas a cabo por toda Galicia, onde destacan diversas charlas divulgativas sobre a marca dirixidas a asociacións de amas de casa, consumidores e usuarios; visitas a explotacións de vacún de leite e reparto de minibricks en eventos deportivos.
Ángeles Vázquez tamén realizou un percorrido pola feira, animando ao público asistente a consumir o produto galego da pequena industria local e colaborando no reparto gratuíto de minibricks de leite Galega 100%.
Galega 100%
Con este selo facilítase a identificación do leite e dos produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con materia prima galega, feitos e envasados en Galicia. O obxectivo é que o consumidor saiba que a materia prima que se emprega nestes produtos procede exclusivamente de explotacións leiteiras inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada.
A marca Galega 100% e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.