Monday 25 de November de 2024

A Xunta apoia a VII edición do programa Yuzz para impulsar o talento de 20 mozos e mozas con ideas innovadoras


A iniciativa está coordinada polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) co mecenado do Banco Santander e a colaboración da Consellería de Economía e a Universidade de Santiago

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará a VII edición do programa Yuzz para impulsar o talento da mocidade galega que conta con ideas innovadoras. Esta iniciativa está coordinada polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) co mecenado do Banco Santander, a través de Santander Universidades, e conta, ademais da colaboración da Xunta, coa da Universidade de Santiago.

O prazo para remitir as solicitudes a este programa remata mañá. Os interesados poden presentar as súas candidaturas a través do formulario dispoñible no enlace www.yuzz.org. Nesta edición, convócanse 20 prazas para Santiago. Polo tanto, Yuzz ofrecerá formación, apoio e asesoramento a 20 mozos e mozas de entre 18 e 31 anos no centro de alto rendemento, emprazado no edificio Emprendia Campus Vida s/n, onde contarán cun espazo físico para desenvolver a súa idea, ao tempo que poderán relacionarse con outros emprendedores, recibir formación impartida por expertos profesionais e ser asesorados por titores individuais. En concreto, reciben esta formación, apoio e asesoramento ao longo de 5 meses para elaborar plans de negocio baseados en ideas de base tecnolóxica.

O mellor emprendedor do Centro Yuzz Santiago ganará unha viaxe a Silicon Valley, onde se lle brindará acceso a foros de financiamento, asesoramento en internacionalización e contacto con investidores. Ao seu retorno, poderá competir cos mellores proxectos nacionais para acelerar o desenvolvemento do seu negocio. Haberá premios de 30.000, 20.000 e 10.000 euros.

Ademais, este ano, como novidade, haberá un galardón novo, ‘Yuzz Muller’, que se convoca co apoio da Fundación EY e polo que se concederán 20.000 euros ao mellor proxecto liderado por unha das mulleres participantes en Yuzz.

Nas edición anteriores creáronse máis de 500 empresas e no último ano participaron 900 emprendedores con 710 proxectos en 41 centros Yuzz de toda España. O centro de Santiago acadou o primeiro premio nacional dotado con 30.000 euros na edición VI co proxecto Situm e o segundo premio nacional dotado con 20.000 euros co proxecto Loar.