Saturday 16 de November de 2024

Oswaldo Digón sube este venres ao escenario do “Novembro, mes do Humor”


“Ansia viva”, é o título do espectáculo que o monologuista e actor Oswaldo Digón presenta este venres, 10 de novembro, no ciclo “Novembro, mes do Humor” que o Museo do Humor Xaquín Marín organiza ao redor do seu aniversario. A función comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde aínda que, para asistir, será preciso recoller previamente invitacións – até un máximo de dúas por persoa- na conserxería da Casa da Cultura de Fene, o mesmo venres a partir das 19 horas (aforo limitado). O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural) “Ansia viva” é un espectáculo de comedia para público adulto no que Oswaldo Digón mestura o seu estilo de cómico de stand-up coa súa dilatada experiencia como improvisador teatral, creando unha historia que en cada espectáculo transcorrerá dunha forma distinta, facendo que cada show sexa único e irrepetible. Oswaldo estará acompañado no escenario dun guitarrista de renome como é Luís Tinaquero, que sumará ao espectáculo a música en directo. Un elemento fundamental na dinámica deste divertido show de comedia. “Ansia Viva” é un texto que fala con moito humor e liberdade de algo moi persoal, e que todas e todos padecemos ou padecemos nalgunha ocasión, a ANSIEDADE.

Oswaldo Digón estudou teatro na academia Casa Hamlet, Improvisación Teatral con ImproMadrid e interpretación coa produtora audiovisual La Tuerka 27. Actor de teatro para as compañías Espello Cóncavo, Teatro da Bufarda e Valacar. Esta última obtivo o Premio Max de teatro en 2013 pola labor adxunta no mundo do teatro. Tamén participou como cómico de reparto do espectáculo Las noches del Club de la Comedia no Teatro Rialto (Madrid) e Teatro Condal (Barcelona). É responsable do guión e interpretación dos monólogos de comedia Diálogos en 3D (catro temporadas en cartel no Teatro Villarroel (Barcelona) e Gente triste (dúas temporadas no Teatro Muñoz Seca, Madrid). Actor do programa Malo Será! da Televisión de Galicia. Guionista dos programas da TVG: A casa da conexa, Tourilandia, Malo Será! e Malicia Noticias.

Trala actuación deste venres, o “Novembro, mes do humor” continuará o 17 de novembro con ISI actuando na Casa da Cultura de Fene e presentando “Ponte con monadas”. Á par que se desenvolve ociclo de monólogos, o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acolle ao longo do mes de novembro a exposición do XXVII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor cunha selección das obras presentadas ao certame este ano. O horario de visitas (até o vindeiro 29 de novembro) é, de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.