O Concello de Ribeira adxudicou o saneamento da Avenida Ramiro Carregal, no polígono industrial de Xarás. A obra, cun presuposto de 117.701,53 euros, executarase nun prazo de 3 meses. O 80% do proxecto financiarase coa subvención concedida ao Concello para a habilitación e mellora de infraestruturas do parque empresarial, e o 20% restante financiarase con fondos propios.
Nesta Avenida existe un tramo de saneamento antigo que presenta problemas de atascos con frecuencia, por iso, é preciso instalar un novo colector para solucionar os problemas de saneamento. Esta medida é “esencial para a recolección e o transporte adecuado das augas residuais xeradas polas actividades industriais no polígono” segundo explicou o alcalde Luís Pérez. “Un colector ben deseñado e mantido axuda a previr a contaminación do chan e da auga subterránea, e contribúe a mellorar a saúde pública e reducir o impacto ambiental da actividade industrial na contorna.”