Friday 22 de November de 2024

Cortadas dúas palmeiras na Praza de Vigo e xunto ao edificio de Facenda que estaban moi afectadas polo picudo vermello


Unha das palmeiras da Praza de Vigo e outra zona verde situada xunto ao edificio de Facenda foron talladas hoxe, xa que estaban moi afectadas polo picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus) e o risco de desprendemento de palmas ou de caída era moi elevado. De feito, dado o alto nivel de afección, de 3 e 4 sobre 5, os expertos consideraban irrecuperables ámbolos dous exemplares. Os traballos realizáronse segundo o previsto e con sistemas adaptados a cada un dos espazos: na Praza de Vigo realizouse un despezamento da árbore e na avenida do Ambulatorio cortouse directamente o tronco.

Na Praza de Vigo está en observación outra palmeira que ten un nivel de afección 2, pero agora a principal preocupación é o centenario exemplar de 16 metros de alto situado no xardín da Praza do Concello. En principio está previsto realizar unha poda, pero as dificultades para acceder á zona afectada polo picudo vermello, que é a máis elevada, obrigan a estudar as alternativas. Os expertos teñen moitas dúbidas sobre a supervivencia desta palmeira, pero, dado o seu carácter emblemático e o seu emprazamento, estase a facer todo o posible pola súa conservación. A poda, de feito, é unha medida complementaria do tratamento de endoterapia que se lle aplicou o mes pasado, e posteriormente está previsto tamén realizar unha aplicación foliar de insecticida.

Ademais do servizo municipal de xardíns, o Concello de Carballo conta cunha empresa especializada para realizar o seguimento dos exemplares de Phoenix canariensis que temos repartidos por espazos públicos da zona urbana e das parroquias.