Friday 22 de November de 2024

Ortigueira apoia a Aspromor con 70.000 euros para investir en equipamento, en transporte e nun proxecto de vivenda tutelada


• O alcalde, Valentín Calvín, asinou este luns un convenio que axudará á entidade para desenvolver varios proxectos que mellorarán a calidade de vida dos usuarios

• Os usuarios da agrupación tamén recibiron unha achega material dos alumnos do curso de Iniciación ao Deseño e Impresión 3D organizado pola aula CeMIT de Ortigueira

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e a presidenta de Aspromor, Maribel Lorenzo, concretaron na mañá deste luns a firma dun convenio polo que o Concello apoia á asociación con 70.000 euros de axuda para desenvolver varios proxectos.
Concretamente, esta subvención permitirá á agrupación investir en tres vías: novo equipamento, ofrecer máis actividades grazas a dispoñer de máis recursos para financiar o transporte e poñer en marcha un proxecto de vivenda tutelada.
Por unha banda, este novo pacto permitirá á asociación investir en equipamento para os servizos de rehabilitación e mellora funcional. É dicir, ofrecerá máis servizo tanto en cuestións de psicomotricidade, como de fisioterapia. Ademais, poderá contar con novos recursos para equipos de reanimación e formación para utilizalos.
Doutra banda, a segunda vía de desenvolvemento será a de poñer en marcha un novo plan, que consistirá no desenvolvemento dun proxecto de vida independente en vivenda tutelada.
Por último, a achega pactada no convenio permitirá a Aspromor investir na reparación dos seus vehículos e financiar o combustible para planificar saídas de lecer e tempo libre cos seus usuarios.
“Os servizos sociais son unha absoluta prioridade para este novo goberno de Ortigueira. Por iso seguimos apostando por ofrecer este financiamento a Aspromor, unha entidade que é clave no noso municipio e a nosa comarca para mellorar a vida de persoas dependentes e as súas familias”, apuntou o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín.

Acción social da aula CeMIT
A maiores, os usuarios de Aspromor recibiron o pasado venres material desenvolto polos alumnos do curso de Iniciación ao Deseño e Impresión 3D impartido pola aula CeMIT de Ortigueira.
Nun primeiro momento, desde a aula contactouse con Aspromor para planificar o deseño de obxectos que puidesen ser empregados polos usuarios no seu día a día. “Contactamos cas monitoras do centro para saber se lles parecía ben a idea deste tipo de doazón e a resposta foi inmediata. Son traballadoras que fan unha labor exemplar cos integrantes e sempre están dispostas a participar coa nosa aula. Así que lles envíamos unha suxerencia de que tipo de material lles podería resultar máis beneficioso”, apunta Verónica Barcón, responsable da aula CeMIT.
Unha vez arrincou o curso, os 11 alumnos e alumnas decatáronse que o material que ían desenvolver durante a súa formación ía ter tamén unha utilidade social, polo que a motivación “foi maior”. Finalmente, entregáronse adaptadores para os zapatos e así evitar atar os cordóns, ‘empujadores’ para aproveitar os tubos de pasta de dentes ou cremas e ‘agarradores’ de cubertos para xente con problemas de mobilidade nas mans.
A esta entrega acudiron unha parte dos alumnos e o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, que animou aos usuarios do centro para que fixesen máis encargos ao Aula CeMIT e, así, darlle un impacto social inmediato ás formacións impartidas.