O seu Secretario Xeral, Aitor Bouza, insiste en que o “Rueda se queda sen escusas para incrementar a aportación da Xunta ao Consorcio” logo de que o goberno do Estado vaia a incrementar a súa parte nun 10%
“Evidénciase que ten que ser o goberno do Estado o que aposte por Santiago ante o desinterese da administración autonómica” criticou
Desde o PSdeG chegan os parabéns polos compromisos adquiridos polo futuro goberno de Pedro Sánchez con Santiago. O seu Secretario Xeral, Aitor Bouza, reivindica o que considera “unha aposta decidida pola nosa cidade” destacando o novo xulgado de Violencia de Xénero ou o incremento da aportación á financiación da nova depuradora.
Bouza insiste ademais en que Alfonso Rueda se queda “sen escusas” para incrementar a aportación da Xunta de Galicia ao Consorcio, logo de que desde o goberno central se anunciase un incremento do 10%. Precisamente, recorda o líder dos socialistas que fora o presidente da Xunta o que ligou o incremento da aportación da administración autonómica a unha suba previa por parte do Estado central: “evidénciase máis aínda que ten que ser o goberno do Estado o que aposte por Santiago ante o desinterese da Xunta do Partido Popular” critica.
Recorda ademais que entre os compromisos do goberno socialista están tamén a mellora das conexións ferroviarias e por estrada con Lugo coa finalización da Autovía e a mellora da variante entre Curtis e Ordes ou un incremento dos fondos ás axudas á rehabilitación nun 30%. Recalca Bouza que, con estes compromisos, “demóstrase que para o PSOE Santiago conta, mentres o PP da Xunta segue tratándonos como cidadáns de segunda”.