Saturday 16 de November de 2024

A Xunta considera necesario aumentar a presenza e protagonismo das mulleres no sector das tecnoloxías


Susana López Abella, participou, na inauguración da Xornada “ O Xénero da Tecnoloxía”, xunto á directora do Muncyt, Ana Correas; e a concelleira de igualdade e diversidade do concello da Coruña, Rocío Fraga

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella afirmou que é necesario aumentar a presenza e protagonismo das mulleres no sector das tecnoloxías, xa que o papel clave que ten a investigación e a innovación no esforzo por un crecemento intelixente, sostible e inclusivo implica facer un uso completo do capital humano, incluíndo mulleres e homes por igual.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe, na inauguración da Xornada “O Xénero da Tecnoloxía”, organizada pola ONG Enxeñería sen Fronteiras, xunto á directora do Muncyt, Ana Correas; e a concelleira de igualdade e diversidade do concello da Coruña, Rocío Fraga, e o responsable do grupo de Educación para o Desenvolvemento de ESF Galicia, Juan Domingo Quintela Vázquez.

A titular de Igualdade relatou que a pesar dos avances dos últimos anos, mantense unha forte segregación horizontal, xa que as mulleres concéntranse nas actividades científicas consideradas “brandas” mentres os homes teñen maior presenza na tecnoloxía, e vertical, ao estar os postos de toma de decisións ocupados maioritariamente por homes tanto no ensino, nos grupos de investigación, e no proceso global de transferencia tecnolóxica cara á actividade produtiva.

López Abella incidiu que son necesarias novas medidas de implementación e acción positiva que garantan o cumprimento das leis en materia de igualdade e de ciencia, tecnoloxía e innovación, e destacou que o goberno galego, a través da Unidade de Muller e Ciencia está a elaborar o II Programa Galego de Muller e Ciencia 2016-2020, no que participan distintos departamentos da adminitración autonómica.

Finalmente, rematou afirmando que é necesario erradicar os estereotipos e falsos mitos que asocian a valía científica co prototipo de varón que antepoñen o seu éxito profesional ás súas responsabilidades familiares, devaluandose así a priori o traballo das científicas. Xa que as desigualdades de xénero existentes condicionan dende a infancia o acceso, o desenvolvemento de capacidades e habilidades ou o protagonismo das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico, polo que é fundamental reforzar a coeducación nos colexios e institutos para romper os estereotipos de xénero, sendo necesario tamén prestigiar e motivar o profesorado e incrementar a formación do persoal orientador para favorecer no alumnado unha selección de estudos e profesións sen connotacións estereotipadas por razón de xénero.