Máis de 400 persoas sumáronse esta mañá á marcha polo municipio, a pesar da persistente chuvia
A choiva desluciu a VI Andaina Solidaria de Neda “Os nosos pasos dan vida”, pero non impediu que centos de veciños e veciñas do municipio e doutros puntos da comarca se sumaran esta mañá á camiñada, promovida polo Concello, en favor da Asociación Española Contra o Cancro. A iniciativa conseguiu recadar 5.100 euros para apoiar o labor da entidade e impulsar a investigación fronte á enfermidade.
As rúas da vila volveron encherse de camiñantes solidarios que, paraugas en man, decidiron participar na ruta, que contou coa colaboración de Protección Civil, Panadería Santa Rita e Zashin Sport, ademais de numerosas persoas voluntarias. A marea humana partiu do campo de Subarreiros, en pleno corazón do núcleo urbano,
O mal tempo e tamén as alertas dos días previos desmobilizou a unha parte dos inscritos. E así, das máis de 600 persoas que abonaron a correspondente cota (dorsal solidario incluído), retiraron finalmente os dorsais máis de 400, entre adultos e menores. Todo un exemplo de solidariedade e compromiso.
Dado o mal tempo, a organización optou por acurtar o percorrido previsto e a meta trasladouse ao pavillón municipal Ale de Paz, punto onde se procedeu á entrega da recadación. Representantes da AECC recollían de mans do alcalde, Ángel Alvariño, dous cheques por valor total de 4.600 e 500 euros, correspondentes aos adultos e menores, respectivamente. Uns fondos aos que haberá que sumar os obtidos pola venda de merchandising realizada pola propia asociación. O montante total destinarase a programas de atención a financiar proxectos de investigación contra o cancro.
Se procedía ademais ao sorteo de agasallos, doados por unha trintena de negocios de Neda e do resto de Ferrolterra, entre os participantes. E distinguiuse ao grupo máis numeroso da marcha. Un recoñecemento que recaeu en Campeones de la vida (76 participantes).