Friday 22 de November de 2024

A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais ao rego de Brañas Ricas, no concello de Santa Comba


― O vertido foi localizado polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, no lugar de Ventosa

― Tras comunicarlle a situación ao Concello para que adoptase as medidas necesarias, os técnicos comprobaron nunha nova inspección o cese do vertido

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais ao rego das Brañas Ricas, no concello de Santa Comba.

O foco foi identificado polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, na parroquia de San Pedro de Santa Comba, no marco das inspeccións rutineiras na rede fluvial do municipio.

Os inspectores desprazados á zona localizaron a orixe do vertido de augas residuais nunha rede de saneamento municipal no lugar de Ventosa a través da cal se producía un vertido cara ao rego.

O persoal de Augas de Galicia puxo esta situación en coñecemento do Concello de Santa Comba para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar a achega irregular.

Nunha nova inspección efectuada á zona polo persoal de Augas de Galicia, confirmouse a reparación da rotura do colector da citada rede de saneamento municipal, o que permitiu o cese do vertido de augas residuais ao dominio público hidráulico.